Manuel Pardo supervisou as obras de reposición da capa de rodaxe da rúa Progreso
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, supervisou as obras de reposición da capa de rodaxe da rúa Progreso, nas que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas inviste 47.500 euros.
O delegado territorial sinalou que os traballos estanse a executar cos medios da conservación de Estradas da Xunta de Galicia e terán unha duración dunha semana. A continuación procederase a instalar unha nova sinalización horizontal.
Explicou Manuel Pardo que a rúa Progreso pertence á rede viaria autonómica e está integrada na trama urbana da cidade. Ten unha anchura de calzada variable, e nun treito intermedio duns 160 metros de lonxitude, entre as rúas Parada Justel e a rúa Bajos Alameda, presenta unha capa de rodaxe deteriorada no que hai pasos peonís e conflúen moitas dotacións municipais polo que o tránsito é elevado.
O inicio da actuación principia á altura da intersección da rúa Parada Justel coa rúa Progreso, ao longo dunha lonxitude duns 160 m e unha anchura media de calzada de 12 metros.
O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando o vindeiro ano 53 millóns de euros á súa conservación.