Manuel Rei Romeu presenta en Ourense o seu novo libro ‘Castelao, desta terra e deste tempo’

OurenseXa
O acto está organizado pola Agrupación Cultural Auriense e terá lugar no Liceo
libro-Castelao-desta-terra-e-deste-tempo
4 Dec 2025

Este xoves 4 de decembro presentarase en Ourense a obra ‘Castelao, desta terra e deste tempo’, do escritor e crítico literario Manuel Rei Romeu. O acto, organizado pola Agrupación Cultural Auriense, celebrarase ás 20:00 horas no Salón Nobre do Liceo e contará coa participación do presidente da entidade, Daniel Gómez, que acompañará o autor.

O libro chega no marco do Ano Castelao e pretende ofrecer unha visión completa e rigorosa da figura do intelectual rianxeiro. Rei Romeu propón unha lectura integral da súa produción artística, literaria e política, destacando a continuidade entre estas facetas e rexeitando a imaxe simplificada dun Castelao reducido só ao papel de artista ou símbolo cultural.

A obra afonda nas claves ideolóxicas que guiaron o pensador nacionalista e reivindica a plena vixencia do seu legado. Segundo defende o autor, comprender o Castelao real —caricaturista, escritor, pintor, teórico político e dirixente comprometido co país— resulta esencial para interpretar o seu papel na historia contemporánea de Galicia e para entender o seu proxecto de país.

Manuel Rei Romeu (A Estrada, 1964), licenciado en Filoloxía galego-portuguesa, conta cunha ampla traxectoria dedicada ao estudo da literatura galega e, en particular, da figura de Castelao. A súa obra ‘Arte e verdade. A obra literaria de Daniel Castelao’ (1991) é considerada un traballo pioneiro neste ámbito. Ao longo da súa carreira publicou diversos estudos sobre escritores como Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Otero Pedraio ou Celso Emilio Ferreiro.

⚙ Configurar cookies
0.078341007232666