Marcha Mundial das Mulleres chama á movilización ante o peche do CIMM de Ourense

OurenseXa
O colectivo feminista denuncia a precaria situación actual das políticas locais en materia de igualdade e esixen unha solución ante o peche do Centro de Información Municipal ás Mulleres de Ourense
CIM-Ourense
Centro de Información Municipal ás Mulleres de Ourense
23 May 2024

O colectivo feminista, Marcha Mundial das Mulleres, chama á veciñanza a mobilizarse pola recuperación das políticas municipais de igualdade e a defensa do Centro de Información Municipal ás Mulleres de Ourense.

O colectiva vén de publicar un manifesto no que sinalan que a precaria situación actual das políticas locais en materia de igualdade derivan das políticas iniciadas no mandando do rexedor popular, Jesús Vázquez, e que agora o seu sucesor, Gonzalo Pérez Jácome, está a rematar de liquidar o pouco que quedaba en pé. "Logo de acabar cos programas e políticas de igualdade que tímidamente se foran conseguindo pór en marcha dende o Concello chega a ameaza de abandonar o edificio de Radio Ecca no Couto para levar as dependencias do CIMM a outra localización na cidade e moito nos tememos que co obxectivo de anular definitivamente o servizo", sinalan nun comunicado.

"O actual goberno, encabezado por Gonzalo Pérez Jácome, ten como obxectivo a eliminación de todas as políticas sociais que ficaban en pé, vulnerando así os dereitos das persoas e dos colectivos máis vulnerábeis e negando dereitos básicos que todo Concello debe prestar ás súas veciñas e veciños", asegura o manifesto.

Así, lembran que desde que comezou este mandato anunciouse o peche do programa de servizos sociais aberto para atender a alta demanda social tras a pandemia e que conta con listas de agarda de catro meses. Ademáis, dese o Concello ameazan con suprimir as UNIS (Unidades Interdisciplinares de Intervención Social) ou reducilas á mínima expresión,  dificultando aínda máis o traballo de atención ás persoas que precisan do servizo.

Por outra banda, inciden en que recentemente eliminouse a conciliación dos Centros Cívicos no verán, retirouse o programa de envellecemento activo e suprimiuse o servizo do comedor sobre rodas.

Agora, din, ameaza o emprazamento do CIMM escudado nos problemas que existen no edificio en relación ás emisións de radón cando é público que estas problemáticas existen en máis servizos e en ningún deles se plantea o peche. Desde o colectivo entenden que debe actuarse para dar unha solución aos problemas do edificio, pero consideran que "a solución non pode ser trasladar temporal ou definitivamente o servizo a calquera dependencia municipal pois este debe cumplir cunhas mínimas garantías de que o emprazamento será discreto, facilitador e garantirá a confidencialidade das usuarias, moitas delas mulleres que sufriron e sufren violencia machista".

"Os colectivos e cidadás asinantes apoiamos esta demanda e esiximos que a solución pase polo investimento necesario para a resolución dos niveis de radón e o mantemento do emprezamento actual do CIMM, un edificio cedido ao Concello, que foi reformado para ser o Centro de Información Municipal ás Mulleres e que cumple coas necesidades do servizo", aseguran. Ademais, esixen a restitución "dunha Concellalía de Igualdade digna de tal nome, cunha programación anual dirixida a recuperar e pór en marcha políticas de igualdade na nosa cidade". 

Así, defenden que a defensa do CIMM pasa por dotalo de contido, actividades e actuacións que den sentido a súa existencia e por demandar que o Concello de Ourense teña políticas públicas destinadas a erradicar a violencia e a discriminación que sufren as mulleres, así como a promoción de actuacións que melloren a súa vida.

 

0.13870906829834