Mariel Sancho, presidenta de Ecos de Moura: “O rural necesita mulleres visibles e con voz”

Recentemente galardoada nos Premios Muller Rural, Ecos de Moura busca impulsar o territorio mentres fomenta valores de comunidade, sororidade e apoio mutuo, poñendo ás mulleres no lugar que lles corresponde como motor vivo do rural
ecos-de-moura-1
8 Mar 2026

Por Raquel Pérez

Nada no ano 2024 en Nogueira de Ramuín, a Asociación Ecos de Moura comezou a súa andaina grazas a un grupo de mulleres da parroquia de San Xoán de Moura que decidiron organizarse para activar o territorio. Este 2026, con apenas dous anos de historia, lograron ser recoñecidas co Premio á Muller Rural.

Mariel Sancho, a súa presidenta, fálanos dos proxectos que desenvolven desde esta asociación que busca impulsar o territorio mentres fomenta valores de comunidade, sororidade e apoio mutuo, poñendo ás mulleres no lugar que lles corresponde como motor vivo do rural.

Como xurdiu a idea de crear a asociación?

A asociación nace dunha necesidade moi real: varias mulleres do pobo sentiamos que había que dar un paso á fronte e deixar de esperar a que as cousas pasasen. Queriamos organizarnos, liderar e activar o noso territorio. Nese momento tamén soubemos que existía a posibilidade de optar a unha axuda da Fundación Biodiversidad en colaboración co Concello para desenvolver BioNogueira. Esa oportunidade fíxonos ver que non só tiñamos ilusión, senón tamén unha vía real para converter as nosas ideas nun proxecto sólido. Foi o impulso definitivo. Así naceu a Asociación de Mulleres Rurais Ecos de Moura: desde a convicción, a responsabilidade e o amor profundo polo noso rural.

Cantas persoas formades parte da asociación neste momento?

Neste momento somos aproximadamente 50 mulleres socias. E é un número enorme se temos en conta que o noso pobo está moi pouco poboado e que en todo o concello apenas somos uns 2.000 habitantes. Para min, ese dato non é só unha cifra. É un símbolo de compromiso. Significa que cando se crea un espazo auténtico, as mulleres responden.

Cal é o voso principal obxectivo?

O noso obxectivo é dignificar o papel da muller no rural e xerar oportunidades reais aquí, sen ter que marchar para desenvolvernos persoal ou profesionalmente. Queremos un rural vivo, estruturado, con proxectos serios e con mulleres formando parte das decisións.

De onde vén o nome “Ecos de Moura”?

O nome ten moita identidade. A nosa parroquia é San Xoán de Moura, e queriamos que o nome nos representase profundamente. As socias máis novas propuxeron varias ideas e decidímolo en votación colectiva. “Ecos de Moura” foi o nome elixido. Para min iso xa di moito: participación, escoita e decisión conxunta. “Ecos” porque somos continuidade; “Moura” porque é territorio, historia e raíz. Somos a resonancia do que fomos e do que queremos ser.

Do logrado ata agora, cales dirías que foron os proxectos máis destacados?

Un dos proxectos máis importantes foi a nosa implicación en BioNogueira, coa recuperación do bosque envellecido e do castiñeiro tradicional, xerando emprego e conciencia ambiental.

Pero tamén destacaría algo que nos define moito, que é o noso cronograma anual de actividades. Temos unha programación cultural viva que inclúe actividades musicais, literarias, obradoiros de manualidades que logo vendemos na feira do noso concello, propostas culinarias, encontros de Nadal e accións comunitarias durante todo o ano. Non somos unha asociación puntual; somos unha asociación activa, estruturada e constante.

Que papel xogan as mulleres no rural?

As mulleres no rural foron historicamente o sostén invisible. Traballaron a terra, criaron, coidaron e transmitiron cultura. Hoxe, ademais, lideran proxectos, emprenden e xeran economía. O rural necesita mulleres visibles e con voz. Non como apoio silencioso, senón como motor.

Como cres que contribúe a asociación a mellorar a vida das mulleres no rural?

Contribuímos creando rede, e iso é fundamental. Cando unha muller sente respaldo, cambia a súa forma de posicionarse no mundo. Na nosa asociación vívese algo moi importante: a sororidade. Non como unha palabra teórica, senón como unha práctica real. Apoiamonos, recomendámonos, escoitámonos e sostémonos. Esa complicidade feminina transforma moito máis do que parece.

Que tipo de actividades levades a cabo para fomentar a participación das veciñas?

Fomentamos a participación creando espazos atractivos e diversos, como obradoiros creativos, encontros culturais, actividades vinculadas ao patrimonio natural, celebracións simbólicas e propostas nas que cada muller pode achegar o que sabe facer. O noso calendario anual está pensado para que sempre haxa un motivo para reunirse: desde actividades artesanais ata iniciativas culinarias ou culturais. O importante non é só a actividade en si, senón o espazo de encontro que se xera ao seu redor.

Como é a implicación das máis novas neste tipo de proxectos? Hai interese?

Si, hai interese. As mozas queren participar cando senten que a súa opinión conta. De feito, o propio nome da asociación saíu das propostas das socias máis novas. Cando se lles dá responsabilidade real, responden con creatividade e compromiso.

Como valoras a evolución de Ecos de Moura desde a súa creación?

A evolución foi moi sólida. Pasamos de ser unha iniciativa incipiente a converternos nunha asociación recoñecida e premiada. Pero o máis importante é que gañamos confianza colectiva. Agora sabemos que somos capaces de organizar, xestionar e executar proxectos con impacto.

Recentemente fostes premiadas nos Premios Muller Rural, que supón para vós este recoñecemento?

Supón visibilidade e responsabilidade. Non o sinto como un logro individual, senón como un recoñecemento ao traballo colectivo de moitas mulleres que levan anos sostendo o rural. Este premio impúlsanos, pero tamén nos compromete a seguir traballando con coherencia.

Que mensaxe buscades transmitir desde a asociación?

Que o rural é oportunidade. Que as mulleres non queremos estar nin por enriba nin por debaixo de ninguén, senón no noso lugar. Que cando as mulleres se organizan desde o respecto, a capacidade e a sororidade, o territorio cambia.

Algún proxecto en mente?

Si, e moitos. Xa temos proxectado o noso calendario de actividades 2026, que abrirá como cada ano co Día Internacional da Muller. Este Venres Santo queremos organizar un Vía Crucis ao aire libre arredor do pobo, artesanal, musical e reflexivo, coas mans das mulleres ao servizo deste acontecemento. Tamén estamos a preparar un stand itinerante para participar en distintos eventos e dar a coñecer a nosa asociación, o noso concello e os nosos produtores locais, apoiándonos mutuamente.

Ademais, estamos a elaborar un proxecto de cultivos ecolóxicos para consumo de proximidade e traballando no noso propio Plan de Igualdade. O noso horizonte é claro: estrutura, sustentabilidade e futuro.

0.1407790184021