Marisol Delgado: “Queremos seguir consolidando Seixalbo como punto de referencia cultural”


A Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo, con preto de cinco décadas de traxectoria, renovou este mes de marzo a súa directiva para os próximos catro anos. O novo equipo, que combina experiencia e ilusión, está liderado por Marisol Delgado, quen asume a presidencia co obxectivo de traballar polos veciños e de consolidar Seixalbo como motor cultural da cidade.
Como decidiches optar ao cargo de presidenta da asociación?
A decisión chegou nun momento clave. Había que escoller entre pechar a asociación ou continuar coa súa actividade. Apostar por continuar implicaba tamén unha reorganización das funcións.
O anterior presidente non podía continuar despois de oito anos no cargo, polo que entre todos e todas repartíronse as novas responsabilidades. Nese contexto, eu asumín a presidencia, contando co apoio do vicepresidente, Manolo Garrido, e do secretario, Xosé Carballido.
Como afrontas este reto?
A verdade é que é unha responsabilidade moi grande, así que con algo de medo e incerteza, pero coa tranquilidade de contar cun equipo fantástico que combina experiencia, con xente que leva xa anos, e a ilusión das persoas que se incorporaron novas. No meu caso, por exemplo, levo anos na asociación, pero asumir a presidencia é un reto moi importante, é un cargo que pesa, por iso as funcións van estar repartidas, será un traballo conxunto. Por exemplo, o vicepresidente, Manuel Garrido, encargarase das xestións máis institucionais e políticas, e o secretario, Xosé Carballido, tamén levará todo o tema do papeleo. Insisto, o equipo combina experiencia e renovación, con xente que achega ilusión, polo que empezamos con moitas ganas e compromiso. Creo que é fundamental que haxa relevo e que entre xente nova con novas ideas e puntos de vista.
Cales son os teus principais obxectivos como presidenta?
Traballar polos veciños e veciñas, atender as súas demandas e necesidades e trasladalas ás autoridades. Tamén queremos seguir consolidando Seixalbo como punto de referencia cultural. Aquí historicamente sempre se promoveron moitas actividades culturais, como é o caso do Verán Cultural. Sempre fomos unha vila de referencia a nivel cultural en Ourense e queremos seguir séndoo. Polo tanto, centrámonos nesas dúas vertentes: traballar polo pobo e as súas necesidades, que son moitas, e impulsar actividades de dinamización, convivencia e cultura.
Cales cres que son as principais necesidades da vila de Seixalbo?
Non perder os dereitos que conseguimos ata agora. O noso lema é “Ni un paso atrás”. Queremos seguir tendo transporte, camiños, asfaltado, servizos básicos… iso é algo que necesitamos manter. Ademais, está o tema da Rolda Este. Nese sentido temos que traballar para que nos afecte o menos posible.

Que papel xogan as asociacións veciñais na vida dos barrios?
As asociacións veciñais son un punto de referencia para a comunidade. Ademais, o colectivo sempre prima sobre o individual. Se tes 500 socios na asociación tes máis forza que se es unha soa persoa. Tamén fomentan actividades de convivencia, xeran relacións, amizades… en definitiva, fan pobo porque implican unión. Quizais noutros barrios considéranse “de dormitorio”, pero nós en Seixalbo promovemos a convivencia. En xeral, as asociacións implican unión. Logo está, por suposto, a parte máis institucional. Desde a asociación logramos que no Concello nos escoiten a través dos escritos que enviamos cada semana, e iso fai que o pobo estea en mellores condicións.
Que actividades levades a cabo desde a AVV de Seixalbo?
Organizamos actividades polas Letras Galegas, onde os veciños elixen a palabra máis bonita do galego. Tamén organizamos un Magosto, o Samaín ou o Verán Cultural, que o ano pasado contou con arredor dunha trintena de actividades como roteiros, obradoiros, deportes ou teatro. Ademais, traballamos polo arranxo de camiños, a limpeza de montes e actividades nos locais veciñais. Tamén nos centramos en fomentar a interculturalidade, a comunicación entre veciños, a relación e a unidade entre os que vivimos aquí, así como a convivencia interxeracional. Iso é o que fai que Seixalbo teña vida.
Como cambiou Seixalbo grazas á asociación e cales foron os vosos maiores logros?
A asociación cumpre este ano 47 anos dende a súa fundación. Dende entón, lográranse moitos avances que contribuíron a mellorar notablemente Seixalbo. Entre os principais logros destacaría a instalación do alcantarillado, a pavimentación en pedra, a chegada das liñas de autobús ata Seixalbo, a implantación da fibra óptica, a mediación entre o Concello e un particular para conseguir a construción dun centro cívico no barrio, así como a creación dunha pista deportiva. Tamén foi moi importante a consecución de que o Colexio Público Comarcal se ubicase en Seixalbo, para o cal se fixo a cesión de parte do Monte Veciñal. Outro fito destacado foi lograr que a zona histórica de Seixalbo se convertese na primeira Zona 30 de todo o concello de Ourense, na que os peóns teñen prioridade sobre os vehículos.
O último logro foi conseguir que Seixalbo manteña as liñas e frecuencias do bus urbano, que na última remodelación prevista polo Concello se reducían nun 50% e finalmente mantéñense con catro frecuencias por hora. E, por suposto, cómpre destacar todas as actividades que se organizan para fomentar a convivencia entre a veciñanza, fortalecendo a unión. O máis importante é ter convertido Seixalbo nun pobo de referencia dentro da cidade e entre os seus veciños e veciñas.