Marisol Nóvoa recibe o XX Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades a título póstumo

GaliciaXa | OurenseXa
Nóvoa foi a primeira muller en presidir a Confederación Empresarial de Ourense dende o ano 2019 ata o seu falecemento o pasado mes de agosto
xurado-premio-clara-campoamor-2026
3 Feb 2026

O xurado da vixésima edición do Premio Clara Campoamor acordou este martes conceder o galardón deste ano, a título póstumo, á empresaria e avogada ourensá Marisol Nóvoa Rodríguez, en recoñecemento á súa traxectoria profesional e ao seu papel na promoción da igualdade de oportunidades.

Segundo recolle a acta do xurado, Marisol Nóvoa Rodríguez representa un “exemplo de compromiso, solvencia profesional e vocación de servizo público desde o tecido empresarial”, destacando tamén a súa contribución “decisiva á normalización da presenza feminina en órganos de dirección ocupados tradicionalmente por homes”.

A decisión adoptouse nunha reunión celebrada nas dependencias da Concellería de Igualdade, presidida pola concelleira Noa Rouco. O xurado estivo integrado tamén por Delfina Lage, da Comisión de Seguimento das Violencias de Xénero; Judit Vega, da Asociación Española Contra o Cancro, en representación do Consello Municipal da Igualdade; Ana Pérez, educadora do CIMM; e Elena Cid, funcionaria municipal, que exerceu as funcións de secretaria.

O xurado lembrou que Marisol Nóvoa foi a primeira muller en presidir a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), un “cargo que asumiu en 2019 e que marcou un precedente histórico no liderado empresarial provincial”. Así mesmo, subliñou que, “aínda que a súa traxectoria non se desenvolveu desde o activismo feminista en sentido estrito, a achega de Marisol Nóvoa Rodríguez á igualdade de xénero resulta indiscutible desde unha perspectiva estrutural e simbólica, pola rotura do teito de cristal no liderado empresarial que supuxo, accedendo e consolidándose nun posto de máxima responsabilidade nun ámbito historicamente masculinizado”.

O fallo conclúe sinalando que “con este logro, deu visibilidade ao liderado feminino no mundo económico e contribuíu a crear referentes reais e próximos para outras mulleres empresarias e profesionais”.

⚙ Configurar cookies
0.081247091293335