Medio milleiro de nenos participarán este fin de semana en Velle no Memorial Manolo Carrera de fútbol

A edición número 13 do Memorial Manolo Carrera de fútbol reunirá este fin de semana a medio milleiro de nenos no campo municipal de Velle. O torneo, organizado polo Club Deportivo Velle coa colaboración do Concello, a Deputación, a Xunta de Galicia e varias empresas locais, celebrarase o sábado 6 e o domingo 7 de setembro.
O acto de presentación tivo lugar esta mañá no salón de plenos do Concello, coa participación do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o tenente de alcalde Aníbal Pereira, os concelleiros Ana Fernández e Antonio Fernández, o xefe do Servizo de Deportes da Xunta, Manuel Pérez, o deputado provincial Jorge Pumar e o presidente do Club Deportivo Velle, Paco Sotelo.
Este ano, o torneo non contará con fase previa e adiantanse as datas de celebración debido ao inicio da tempada de fútbol a próxima semana. A competición abranguerá as categorías benxamín, que se disputará o sábado, e alevín, o domingo, con 16 equipos e 250 futbolistas cada xornada. Os partidos xogaranse desde as 10:00 horas ata a gran final, prevista para as 19:30 horas, cun descanso ao mediodía para o xantar dos participantes e das súas familias.