Medio Rural activa 1,5 millóns de euros en axudas para conservar a paisaxe dos viñedos da Ribeira Sacra e frear a erosión

A Consellería do Medio Rural publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a segunda convocatoria de axudas orientadas á conservación da contorna paisaxística e á loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, cun orzamento de algo máis de 1,5 millóns de euros financiados con fondos propios.
A medida busca recoñecer o papel das persoas viticultoras no mantemento dun territorio marcado polos socalcos e as muras de pedra, clave para evitar o abandono de bancais e a degradación do terreo en zonas de forte pendente. A resolución lembra tamén o tirón turístico da Ribeira Sacra e o seu camiño cara á candidatura a Patrimonio Mundial, que será avaliada polo Comité de Patrimonio Mundial no ano 2026.
As persoas beneficiarias poderán ser viticultores (persoas físicas ou xurídicas) inscritos nos rexistros do Consello Regulador da DOP Ribeira Sacra na data de publicación da convocatoria. En canto ás contías, a axuda poderá acadar como máximo 2.000 euros por hectárea no sistema de cultivo tipo 1 (socalcos de pedra con traballo non mecanizado) e 1.000 euros por hectárea no sistema tipo 2 (sen socalcos ou con mecanización). Para o cálculo terase en conta a superficie de viñedo en produción inscrita e, en todo caso, non se concederán importes superiores a 50.000 euros por beneficiario (con posibilidade de rateo se o crédito non chega para todas as solicitudes).
O prazo de presentación será dun mes desde o día seguinte ao da publicación no DOG, preferentemente por vía electrónica na sede da Xunta, no procedemento MR451B.