Medio Rural anuncia a creación de máis puntos de auga para loitar contra os incendios na provincia de Ourense

OurenseXa
Galicia conta actualmente con máis de 4.800 puntos repartidos por todo o territorio, dos cales máis de 1.200 están en Ourense
incendio-San-Cibrao-das-Viñas
8 Apr 2025

A Consellería do Medio Rural destina este ano máis de 50 millóns de euros a financiar diferentes actuacións preventivas en materia de loita contra os incendios forestais. Así o salientou hoxe a conselleira, María José Gómez, na visita a un punto de auga para carga de medios aéreos e terrestres situado no concello ourensán de Maceda, na que estivo acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.

No acto, a titular de Medio Rural quixo poñer en valor o esforzo da Xunta en materia preventiva, un eido que cualificou como “prioritario” para o Goberno galego e centrouse na dotación de infraestruturas contra o lume, caso dos puntos de auga. Así, salientou que a nosa comunidade conta actualmente con máis de 4.800 puntos repartidos por todo o territorio, dos cales máis de 1.200 están en Ourense.

Precisamente, Gómez sinalou que o seu departamento ten en marcha a construción de novos puntos de auga nesta provincia, en concreto nos concellos de Muíños, Cualedro e San Xoán de Río, estando previsto o seu inicio neste primeiro semestre do ano. A maiores, tamén está en marcha a redacción dos proxectos para novas infraestruturas deste tipo nos diferentes distritos forestais do territorio ourensán, cun orzamento superior aos 900.000 euros, financiados a través do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) 2023-2027 e cuxas obras se executarán a partir do segundo semestre deste 2025.

Punto de auga de Maceda

Neste caso concreto, explicou a conselleira, o punto de auga de Maceda ten unha capacidade de 432.000 litros e supuxo un investimento de preto de 85.000 euros. Cunhas dimensións de 12m x 12m x 3m, permite tanto a carga de vehículos motobomba como de helicópteros.

Nesta visita, Gómez lembrou ademais a recente presentación de seis máquinas hidrostáticas polivalentes, que serven tanto para prevención como para extinción, e subliñou que catro delas serán para outras tantas mancomunidades municipais da provincia.

Así mesmo, a conselleira indicou que a cesión destes vehículos enmárcase no convenio de colaboración asinado coa Deputación ourensá e que inclúe actuacións conxuntas para manter e conservar as infraestruturas preventivas; a adquisición de ata 12 tractores con rozadoiras, maquinaria motoniveladora e mesmo a cesión, por parte do ente provincial, de maquinaria da súa titularidade aos concellos para a realización de tarefas preventivas.

Asemade, neste acordo Xunta-Deputación incorpórase a posta en marcha de catro programas piloto para dotar cun total de 16 brigadas de prevención e extinción de incendios, por un período de seis meses, outras tantas mancomunidades municipais.

De xeito xenérico, María José Gómez puxo tamén de relevo outros ámbitos nos que vén actuando o seu departamento, como son o convenio con Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a xestión da biomasa preto das vivendas, as accións directas de prevención, con labores como a creación e mantemento de devasas ou os convenios cos concellos para intervencións de control da biomasa, para a incorporación de motobombas ao dispositivo da Xunta ou para a posta en marcha de brigadas preventivas e de extinción.

⚙ Configurar cookies
0.14450597763062