Medrando Amoeiro impulsa unha recollida solidaria permanente de alimentos, roupa e xoguetes

A Asociación Medrando Amoeiro vén de poñer en marcha unha iniciativa solidaria de recollida de alimentos, roupa e xoguetes destinada a persoas en situación de necesidade no municipio de Amoeiro.
A diferenza doutras campañas puntuais, trátase dun punto de recollida activo de forma continuada, co obxectivo de dar resposta ás necesidades da veciñanza ao longo de todo o ano. Os Servizos Sociais do Concello de Amoeiro son os encargados de seleccionar as persoas beneficiarias, mentres que a Protección Civil de Amoeiro se ocupa da distribución do material recollido.
As persoas interesadas en colaborar poden achegar produtos non perecedoiros como arroz, pasta, conservas ou leite, así como roupa en bo estado, xoguetes novos sen usar e na súa embalaxe orixinal e material escolar. Dende a organización lembran a importancia de non entregar produtos caducados e de que a roupa estea limpa e en condicións de uso.
O punto de recollida está situado na sede de Medrando Amoeiro, onde tamén se pode obter máis información a través do teléfono 699 192 723 ou do correo electrónico medrando.amoeiro@gmail.com
.