Membros de Down Ourense participaron nunha actividade de concienciación ambiental na Facultade de Ciencias
Este xoves, 21 de marzo, celebrouse o Día Mundial do Síndrome de Down co obxectivo de continuar fomentando a concienciación, a inclusión e o respecto á diversidade. Sumándose a este compromiso, a Facultade de Ciencias do campus de Ourense abriu na última semana as súas portas a membros da asociación Down Ourense para participar nunha acción de sensibilización ambiental.
Na iniciativa participaron cinco membros da entidade acompañados pola súa educadora social Alba Freire. Por parte da institución académica estivo Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias, encargado de darlles a benvida, e as investigadoras do grupo Biorefinery & Biomass Valorization Laboratory Adela Alvaredo, Beatriz Rodríguez, Aloia Romaní e Beatriz Gullón. A actividade, explican as súas responsables, “enmárcase dentro do noso proxecto de innovación docente Alimentando un futuro sostible e dentro das actividades programadas no noso grupo de investigación para dar difusión a temas relacionados coa concienciación social da xestión axeitada dos residuos e o seu impacto sobre o medio ambiente, o que inclúe a redución, reutilización e reciclaxe de materiais para minimizar a contaminación e conservar os recursos naturais”.
Fiando diferentes concienciacións
Nesta ocasión, indican as investigadoras da Universidade de Vigo, a actividade foi deseñada para brindar a oportunidade a alumnado da asociación Down Ourense de integrarse en proxectos y actividades compartidas con outros membros da comunidade universitaria, promovendo a educación ambiental inclusiva, o desenvolvemento de habilidades prácticas, a autonomía, a inclusión social e a sensibilización comunitaria sobre a importancia de coidar o medio ambiente.
A programación, que se desenvolveu ao longo dun día, arrancou cunha charla teórica e práctica sobre xestión de residuos e a súa separación en orixe e unha introdución á reciclaxe e a reutilización de residuos que xeran as persoas no seu día a día, aplicando o aprendido en diferentes actividades. Seguiulle unha sesión en laboratorio na que os rapaces participaron xunto ás investigadoras na extracción de compostos antioxidantes dun residuo alimentario, concretamente de bagazo de uva, e na medida do seu contido en compostos. Por último, realizaron un experimento no que encapsularon lévedos en alxinato de calcio para observar a súa actividade metabólica e aprender sobre procesos de microencapsulación. Desde a iniciativa destacan a súa satisfacción polos bos resultados da experiencia, tanto para os membros de Down Ourense como para os membros da comunidade universitaria participantes.