Monterrei acollerá a XXXIX Xuntanza Internacional de Gaiteiro os días 30 e 31 de agosto

OurenseXa
O evento renderá homenaxe á muller gaiteira a través da figura de Áurea Rodríguez, considerada a raíña da gaita galega por ser unha pioneira entre as intérpretes deste instrumento
XXXIX-Xuntanza-Internacional-de-Gaiteiros-Ourense
22 Ago 2024

A XXXIX Xuntanza Internacional de Gaiteiros, que se celebrará os días 30 e 31 de agosto, na Praza da Hermida de Flariz e na Explanada do Castelo de Monterrei, renderá homenaxe á muller gaiteira a través da figura de Áurea Rodríguez.

A muller, nacida en Muntián (Cartelle), en 1897 é considerada a raíña da gaita galega por ser unha pioneira entre as intérpretes deste instrumento por ser a primeira muller documentada neste sentido.

O vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura de Ourense, César Fernández; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; e o director da Escola de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo, presentaron os detalles do programa deste importante foro que reunirá nesta edición a máis de 150 participantes.

O evento, declarado de Interese Turístico e Cultural, contará coa participación de destacadas gaiteiras internacionais de Suecia, Alemaña, Bulgaria e Escocia.

César Fernández salientou que esta Xuntanza é “a máis importante que se celebra en Galicia con persoas vinculadas ao mundo da gaita” e afirmou que para a Deputación é “un orgullo contar cunha institución como é a Escola de Gaitas e a Real Banda de Gaitas e ver como os concellos da provincia apostan pola defensa e valorización da nosa tradición”.

Neste sentido, o vicepresidente segundo do goberno provincial felicitou ao Concello de Monterrei pola “súa defensa a prol da nosa cultura e da nosa identidade”.

Pola súa parte, o alcalde de Monterrei lembrou que a Xuntanza leva a celebrarse desde o ano 2007 de xeito permanente “na nosa Fortaleza, a acrópole máis grande de Galicia, sendo o broche de ouro á intensa actividade cultural que temos no noso municipio”.

Programa completo

Este evento cultural, que naceu hai case 40 anos como complemento ás actividades da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, inclúe o 31 de agosto, unha serie de conferencias a cargo de gaiteiras dos diferentes países participantes, que terá lugar no Hospital dos Peregrinos, onde tamén se poderá visitar eses días a exposición fotográfica que estará dispoñible sobre a iconografía da gaita.

Ademais, impartirase un curso de ornamentación na gaita e percusión que terá lugar na sede da Escola Provincial de Gaitas o 1 de setembro.

A Xuntanza Internacional de Gaiteiros constituíuse, ao longo dos anos, como un prestixioso foro a nivel universal polo que teñen pasado os máis destacados gaiteiros de numerosos países de todo o mundo. A súa filosofía é traer a Ourense, desde as gaitas máis primitivas, ata aquelas máis cultivadas.

Neste sentido, Xosé Lois Foxo explicou que esta Xuntanza marca o “inicio e a historia da Escola Provincial de Gaitas”. Un evento co que en cada edición “tratamos de traer a Ourense a persoeiros referenciais do mundo da cornamusa”.

0.19378685951233