Nace en Ourense o I Festival de Música Clásica “Ourenclásica”

OurenseXa
A iniciativa, promovida pola Deputación e o Ateneo, terá lugar os tres primeiros sábados de marzo no Teatro Principal
presentacion-ourenclasica
2 Mar 2026

A Deputación e o Ateneo de Ourense organizan o I Festival de Música Clásica “Ourenclásica”, unha nova proposta cultural que se celebrará os tres primeiros sábados de marzo, ás 20.00 horas, no Teatro Principal da cidade.

A presentación do certame contou coa participación do vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; o presidente do Ateneo, Pablo González; e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, quen destacaron a importancia da colaboración institucional para poñer en marcha unha iniciativa destas características.

O festival estruturarase en tres concertos con intérpretes de recoñecida traxectoria. A programación comezará o 7 de marzo cun recital do guitarrista Marcos Díaz. O día 14 será a quenda da soprano Catina Bibiloni, acompañada ao piano por Manuel Burgüeras. O ciclo concluirá o 21 de marzo cun concerto protagonizado por José Manuel Álvarez Losada ao violín e Juan Carlos Cornelles ao piano.

Álvarez Losada, natural de Ourense e vinculado ao Ateneo, desenvolve a súa carreira tanto no ámbito concertístico como no pedagóxico e exerce actualmente como profesor no Conservatorio de Mallorca. Pola súa banda, Catina Bibiloni estará acompañada por Manuel Burgüeras, pianista que foi o último acompañante de Montserrat Caballé. Marcos Díaz, nado en São Paulo e con raíces ourensás, conta cunha destacada traxectoria internacional na guitarra clásica.

Desde a Deputación subliñan que Ourenclásica representa unha nova aposta pola música clásica de calidade e polo reforzo da programación cultural do Teatro Principal, contribuíndo a situar Ourense como escenario de referencia e a poñer en valor o talento vencellado á provincia.

0.12401008605957