Nace en Pereiro de Aguiar o Festival de Teatro Afeccionado Padre Feijoo

OurenseXa
A iniciativa ten como obxectivo dar visibilidade ao teatro no rural e contará cun total de cinco espectáculos
presentacion, festival-teatro-pereiro-de-aguiar
Presentación do I Festival de Teatro Afeccionado Padre Feijoo, imaxe do Concello de Pereiro de Aguiar
20 May 2025

O Concello de Pereiro de Aguiar vén de presentar a I edición do Festival de Teatro Afeccionado Padre Feijoo, unha iniciativa que nace para dar visibilidade ao teatro no rural así como ao teatro afeccionado dentro das artes escénicas e na creación dunha rede de apoio entre grupos teatrais.

As artes escénicas serán as protagonistas deste evento que reunirá a grupos de teatro afeccionado procedentes de distintos concellos da provincia. “Este tipo de teatro”, explican dende a organización, “non só permite que todo tipo de persoas formen parte dunha creación artística, senón que tamén é un espazo de aprendizaxe para mulleres e homes de todas as idades”.

Nesta primeira edición participará un total de cinco grupos de teatro. A primeira xornada terá lugar o 30 de maio ás 21.00 horas coa presentación de ‘Tan lonxe, tan preto’, da man da Asociación Porta Cadea, que percorrerá as rúas da vila cunha peza que reflexiona sobre situacións atemporais derivadas das guerras.

O 31 de maio, ás 12.00 horas, o Grupo de Teatro Loureiro actuará no Auditorio dos Gozos coa súa función ‘O testamento do tío Nacho’ e, ás 19.00 horas, será a quenda do grupo A Caniceira, coa función ‘Tempos Mellores,’ tamén nos Gozos.

Por último, o domingo, 1 de xuño, o grupo de teatro do Centro Social de Maceda presentará a función ‘Eiquí hai vida’, no Auditorio Os Gozos ás 12.00 horas. Os encargados de pechar esta primeira edición do festival serán os membros da Aula de Teatro de Pereiro de Aguiar, coa función ‘Puntadas rebeldes’, que terá lugar nos Gozos ás 19.00 horas.

⚙ Configurar cookies
0.054939985275269