Nais e pais da Escola Infantil 'A Casiña' mobilízanse para evitar o peche do centro

As familias afectadas polo peche da escola infantil “A Casiña”, no barrio das Lagoas, concentráronse este xoves pola tarde ás portas do centro para esixir a Cáritas que dea marcha atrás na súa decisión de pechar o centro.
O pasado 27 de febreiro, Cáritas anunciaba o peche da escola infantil a través dun comunicado, sen previo aviso e cando xa se asinaran as matriculacións para o vindeiro curso.
No dito comunicado, Cáritas, a entidade encargada da xestión deste centro, alegaba que a razón do peche da escola infantil, a única no barrio, debíase a motivos económicos, xa que, segundo xustifican, levaban varios anos con perdas. Ademais, mencionaban que as razóns estaban vinculadas "ao compromiso ético coa óptima xestión dos recursos económicos da entidade".
Desde a entidade dependente da Diócese de Ourense, explican que “a función coa que se mantiña en marcha este servizo era, historicamente, a de garantir o acceso a unha praza na Escola Infantil e, por tanto, promover a conciliación familiar entre as familias, indistintamente da súa situación económica". Agora, afirman, esta función está cuberta pola gratuidade da educación infantil en Galicia.
Indignación entre as familias

Porén, as familias afectadas non dan credibilidade a que a razón sexa puramente económica e amósanse indignadas cando Cáritas fala de conciliación no seu comunicado, asegurando que a conciliación é o primeiro do que se verán privadas tras o peche do centro.
Critican, en primeiro lugar, a forma na que Cáritas avisou do peche. “Consellería, profesorado e familias enterámonos todos á vez e co mesmo comunicado", explica un dos pais, que subliña que "non foi unha decisión de hoxe para mañá; de feito, tiveron unha reunión o luns e esperaron ata o xoves para avisarnos".
As familias advirten de que a actitude de Cáritas respecto á xestión da escola foi sospeitosa nos últimos tempos. “O prezo dos servizos non incluídos, como o comedor, era un dos máis baratos de Ourense. Tal vez, se subiran un pouco o prezo, poderían cubrir máis gastos". Ademais, denuncian que algúns dos nenos estaban anotados menos horas das que realmente tiñan acordadas, o que, segundo advirten, “pode facer que merme a subvención, xa que non se axusta á realidade do servizo que presta a escola".
Destacan, por outro lado, que o centro reserva unha serie de prazas para o persoal de Cáritas Ourense que "actualmente están sen cubrir". “Se tiñan necesidade de coller máis nenos para cubrir gastos e esas prazas quedaron baleiras, por que non as abriron ao público?”, pregúntase un dos pais. “Iso xa serían máis cartos ao mes para Cáritas”.
O problema, coinciden en sinalar, é que "Cáritas o que quere é pechar e darlle outro uso ás instalacións, non lle importan os nenos. Non sabemos cal. Falábase dun Centro de Día, pero non temos confirmación". Advirten de que todo o anterior non foi máis ca unha estratexia para xustificar o peche deste histórico centro de ensino do barrio das Lagoas.
De feito, contan que, desde que se anunciou o peche, recibíronse varias ofertas externas para xestionar o centro pero, segundo din, “Cáritas nin as escoitou". "Sabemos ademais que Cáritas ofreceulle ás profesoras coller o centro, pero déronlles catro días para decidir, e unha decisión así non se toma dun día para outro, menos cando acabas de saber que quedas sen traballo", denuncian as familias. Por iso, pensan que “non queren nin teñen a menor intención de ceder o centro, o que queren é pechalo”.
Ante esta situación, os pais e nais dirixíronse directamente ao Bispado de Ourense que, aseguran, "nin sequera respondeu á carta que enviamos". Ademais, critican a falta de preocupación que a institución amosa cara ás familias. “O único que fixeron foi achegarse á escola para esixir que quitáramos os carteis e os lazos negros que puxéramos no valado da escola”. De feito, onte unicamente se puido ver un cartel instalado esa mesma tarde polos pais e nais.
As demandas das familias afectadas súmanse ás da veciñanza, que se amosa moi crítica co peche. “Leva aquí toda a vida e agora que está chegando cada vez máis xente nova e con nenos ás Lagoas, queren pechalo”, sinala unha veciña. “As Lagoas é un nicho de ensino: ten colexio, instituto, centros de FP, o Conservatorio e a Escola de Idiomas. Incluso a universidade está ao lado. Agora, o único que non vai ter é educación infantil; é algo que non se pode entender”, explica outro veciño. “As Lagoas perde o seu pilar na educación dos nosos fillos”, denuncian veciños e familiares.
A escola infantil abriu as súa portas en 1977 e, desde entón, foi a única opción para os nenos e nenas deste barrio ourensán que, agora, terán que desprazarse a outros barrios para poder asistir á escola infantil, dificultando a conciliación familiar.