Niñodaguia convértese en capital da olería co XI Encontro de Cacharreiros

Do 14 ao 16 de agosto, a localidade ourensá de Niñodaguia acollerá unha nova edición do Encontro de Cacharreiros, unha cita xa consolidada que celebra este ano a súa undécima edición e que volverá a reunir a destacados artesáns da cerámica tradicional. O Museo-Taller de Olería será o epicentro desta iniciativa, que combina demostracións ao vivo, obradoiros, visitas guiadas e actuacións musicais para reivindicar a vitalidade dun oficio ancestral.
Durante os tres días do encontro, o público poderá visitar os espazos expositivos en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 21:00 horas. O programa inclúe demostracións de técnicas tradicionais e tamén prácticas contemporáneas como o raku, nunha mostra do diálogo entre a tradición e a innovación. Tamén haberá obradoiros nos que o público poderá experimentar coa barro coa guía de mestres oleiros.
Participarán recoñecidos ceramistas como Alfarería do Batán, Carlos San Claudio, Enrique Cabana, Agustín Vázquez, Antía Caldeiro, Xana Monteiro, Carlos Lima, Antón Román, O Buraco e Susana González, que amosarán as súas creacións e compartirán a súa experiencia coa veciñanza e visitantes.
O Museo-Taller de Olería ofrecerá visitas guiadas de 12:00 a 18:00 horas, permitindo coñecer a fondo a historia e evolución desta arte en Niñodaguia, unha das grandes referencias da cerámica en Galicia.
A programación completarase con música en directo: o mércores 14, ás 21:30 horas, actuará Tino Baz, e o xoves 15, tamén ás 21:30 horas, será a quenda do grupo Xunquereteiras, nun ambiente festivo que mestura tradición e cultura popular.