Noa Presas defende a necesidade de situar a cohesión e o reequilibrio territorial no centro das políticas públicas
Nun encontro da candidatura coa representación municipal de Ourense, Presas chama a confiar no BNG ante "as eleccións máis abertas dos últimos quince anos, sendo unha oportunidade histórica para Galiza e, sobre todo, para Ourense". A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, chama á participación para o vindeiro 18F de todas as persoas que cren en Ourense “e queren un Ourense vivo” e a concentrar o voto na papeleta do BNG. Presas eríxese á súa organización como a única capaz de impulsar Ourense, "que non ten porque seguir ocupando a cola de todas as estatísticas", resolver as súas necesidades e aproveitar as súas potencialidades.
O BNG realiza unha declaración formulada pola súa cabeza de lista ás vindeiras eleccións ao Parlamento de Galiza pola circunscrición de Ourense. Noa Presas estivo acompañada por membros da candidatura, representantes institucionais como concelleiros e concelleiras de goberno, alcaldes e alcaldesas, deputados provinciais. que cremos no país, cremos en Ourense e cremos noutra forma de facer política.
"En 40 anos, houbo 6 presidentes: todos homes e todos de forzas estatais", sinala desde o BNG. En Ourense, explica a cabeza de lista, vivimos décadas dunha deputación monocolor que coincidiu durante moito tempo coa cor da Xunta, da cidade ou do Estado. "E temos unha cidade, que debera ser motor do resto de comarcas na que as diferentes alternativas só fixeron degradar máis o seu papel e poñer en risco que sigamos sendo a terceira cidade de Galiza”, explica.
Marcar a diferenza: coñecemento, experiencia e confianza
Presas avanza os grandes piares do BNG para marcar a diferenza: “un proxecto de País para situar a cohesión e o reequilibrio territorial no centro das políticas públicas, para que non haxa galegos de primeira e galegos de segunda e todas sexamos iguais nun país con futuro e de prosperidade; e algo que ninguén máis pode ofrecer, mans libres para negocias polo que é xusto para Ourense e para Galiza”.
“Desde o BNG, con humildade pero tamén con determinación, presentámonos para marcar a diferenza e ser o paso adiante que precisa Galiza e que precisa, sobre todo, Ourense” sinala Noa Presas. Neste sentido, a cabeza de lista do BNG avanza que Galiza e, sobre todo Ourense, atópanse nun momento de non retorno, no que ten que “deixar de perder para comezar a gañar cun cambio político” e asegura que “se todas as persoas que cren en Ourense e queren un Ourense vivo votan BNG, haberá cambio e o 18F será o principio dun futuro mellor”.
Presas sinala que o seu partido ten un proxecto político solvente e de eficacia contrastada: “temos capacidade de xestión e sobre todo temos confianza en que hai un Ourense vivo que impulsar, que non ten porque seguir ocupando a cola de todas as estatísticas”. Neste sentido, a cabeza de lista avanza que o BNG no goberno lle dará a volta aos datos actuais de Ourense que posúen “os peores no económico, no demográfico ou no social”.
“Temos un coñecemento profundo de cales son as necesidades e potencialidades de Ourense: da industria ao medio rural, do termalismo á universidade, á ciencia e á innovación, da mobilidade ás infraestruturas, da sanidade aos servizos sociais, da igualdade ao medio ambiente. De como coidar aos máis pequenos e aos máis maiores, de como apostar pola ciencia e a innovación para que as xeracións que formamos non marchen e as que se foron volvan” exemplifica Presas.