Nova edición do programa de conciliación para escolares Espazo Coeduca


O Concello de Ourense, a través do CIMM-Concellería de Igualdade, organiza unha nova edición do programa de actividades de conciliación da vida laboral e familiar Espazo Coeduca, dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos.
As actividades realizaranse nas dependencias da Concellería de Igualdade, na rúa do Ensino, número 24, no barrio do Couto, de 9.00 a 14:00 h, os días 25, 26 e 27 de marzo e 1 de abril de 2024. O programa, desenvolvido pola entidade CAVAS Galicia, contará con actividades, dinámicas e xogos coidadosamente deseñados para garantir un ocio non sexista e traballar valores vinculados á igualdade dun xeito lúdico, utilizando o marco de conmemoración do 8M, Día Internacional das Mulleres, como temática principal.
As inscricións realizaranse de maneira presencial na Concellería de Igualdade o xoves 14 de marzo, tras a realización dunha preinscrición en liña a través do código QR do cartel ou da ligazón dispoñible na páxina web do Concello de Ourense e nas redes sociais do CIMM-Concellería de Igualdade de Ourense e da asociación CAVAS Galicia.
