Nove colexios ourensáns participan no programa ‘Pasando a bóla’ contra o acoso escolar

OurenseXa
A actividade combina representacións teatrais participativas co diálogo entre alumnado e profesorado, buscando a reflexión crítica e a implicación directa dos estudantes na resolución de conflitos
pasando-a-bola-ourense
19 Mar 2026

Nove centros educativos da provincia de Ourense participan este curso no programa ‘Pasando a bóla’, unha iniciativa da Xunta de Galicia destinada a loitar contra o acoso e o ciberacoso escolar.

A actividade chega aos colexios de 3º a 6º de Educación Primaria e combina representacións teatrais participativas co diálogo entre alumnado e profesorado, promovendo a reflexión crítica e a implicación directa dos estudantes na resolución de conflitos.

O programa, que este curso se desenvolve en 50 centros de toda Galicia e chega a 3.500 alumnos, fomenta valores como a igualdade, a non discriminación e a convivencia pacífica. En Ourense, ademais do CEIP O Couto, participan o CEIP Plurilingüe dos Blancos (Os Blancos), CEIP Plurilingüe Raúl Fernández (Castrelo do Val), CPI Virxe dos Remedios (Castro Caldelas), CEIP Vicente Risco (Cualedro), CEIP Plurilingüe Amadeo Rodríguez Barroso (Ourense), CEIP Plurilingüe Ribadavia (Ribadavia), CEIP Xosé Manuel Folla Respino (Vilamartín de Valdeorras) e CEIP Rosalía de Castro (Xinzo de Limia).

Este mércores, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa asistiu no CEIP O Couto a unha das sesións do programa, onde destacou a estratexia da Xunta para previr e combater o acoso escolar a través do Plan Integral contra o Acoso e o Ciberacoso Escolar. Nesta liña, lembrou tamén a recente firma do acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias para poñer en marcha a nova Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, que busca reforzar a colaboración entre administracións e avanzar na sensibilización, prevención, formación e intervención ante posibles casos.

Durante as representacións de ‘Pasando a bóla’, o alumnado ten a oportunidade de propoñer solucións ás situacións expostas na obra, fomentando o pensamento crítico e a implicación directa na resolución de conflitos, ao tempo que se mellora a convivencia e se garante un clima seguro nas aulas.

0.12227416038513