Oito jiujitsukas do Marbel participan no Open de Atenas

Oito deportistas do Jiu Jitsu Club Marbel compiten ata o 14 de setembro no Aberto Internacional dos Balcáns de Jiu Jitsu 2025, que se celebra en Atenas (Grecia) dentro do circuíto internacional da disciplina.
Nas categorías de Loita e Ne Waza participarán Guillermo Arenas (sénior -77 kg), Leire Carrera (sub 21 -57 kg), Rubén Córdoba (-94 kg) e Juan Seoane (-85 kg máster). Para Seoane será a súa primeira experiencia internacional, mentres que os seus compañeiros xa contan con traxectoria en europeos e mundiais. No pasado Open de Roma, Carrera acadou unha prata, Arenas un bronce e Córdoba rematou en quinta posición.
Na modalidade de Dúo, o club ourensán presenta dúas parellas: Alicia Pazos e Álvaro Seoane en sub 12, e Carla Seoane e Beatriz Nesi en sub 16. O grupo afronta a súa segunda cita internacional tras o bo debut en Roma, onde conseguiron medallas de ouro e prata.
O adestrador do Marbel, Felipe Iglesias, subcampión mundial e seleccionador galego, sinalou que este torneo servirá “para comezar a tempada, mellorar o noso nivel internacional e probar novas técnicas”. En canto aos obxectivos, agarda que os dúos “repitan os resultados de Roma” e que nas probas individuais Carrera, Arenas e Córdoba manteñan a súa progresión, mentres Seoane se estrea neste nivel.
A competición ten lugar no Olímpic Indoor Hall (Oaka), no Complexo Olímpico de Atenas, un pavillón con capacidade para case 20.000 espectadores que foi sede de probas dos Xogos Olímpicos de 2004.