O acceso aos Calvarios de Santa Baia foi mellorado cunha achega de 30.000 euros da Xunta

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá o remate das obras de mellora do acceso aos Calvarios de Santa Baia, na parroquia de Anfeoz (Cartelle), acompañado polo alcalde do municipio, Jaime Sousa. A actuación contou cun investimento de 30.000 euros por parte da Axencia Turismo de Galicia, a través da liña de axudas de Infraestruturas Turísticas correspondente á edición de 2024.
Durante a visita, Manuel Pardo destacou que “esta orde procura a posta en valor turístico dos recursos dos municipios beneficiarios a través da súa rehabilitación ou restauración para dedicalos a usos turísticos, así como coa recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional”. Tamén indicou que se apoian actuacións que melloran a accesibilidade aos recursos turísticos mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas e a instalación de sinalización integrada no entorno.
O delegado subliñou, ademais, que o Goberno galego destinou máis de 900.000 euros a 30 concellos da provincia de Ourense de ata 10.000 habitantes para mellorar as súas infraestruturas turísticas na convocatoria do ano pasado.
Segundo explicou Pardo, entre os obxectivos destas axudas atópanse “o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a valorización dos recursos turísticos e o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial”.
Nese sentido, engadiu que “o desenvolvemento rural galego debe abordarse desde unha perspectiva integral, polo que se prevé o apoio a actuacións de diferente natureza, que a Axencia de Turismo de Galicia está materializar a través da concesión de subvencións ás entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas”.
O conxunto dos Calvarios de Santa Baia está formado por un cruceiro principal rodeado doutros cinco, situados nun alto a 430 metros de altitude entre os núcleos de Soutelo, Anfeoz e Vilar de Ponte, no centro xeográfico da parroquia. Trátase dun espazo de encontro veciñal e cun importante valor patrimonial e turístico.