O alumnado da escola infantil pública Virxe de Covadonga celebrou por adiantado o Día da Lingua Materna

Os nenos e nenas da escola infantil pública Virxe de Covadonga, en Ourense, celebraron este xoves por adiantado o Día da Lingua Materna, que ten lugar o 21 de febreiro. O alumnado participou dunha actividade de dinamización lingüística titulada ‘Latexos’, na que colabora a Xunta de Galicia.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, achegouse ao centro, onde destacou a “importancia de realizar accións lúdicas cos máis pequenos relacionadas co galego nos espazos nos que socializan”.
López Campos felicitou ao centro ouresán pola iniciativa particular posta en marcha para conmemorar o 25 aniversario da efeméride, coa elaboración dunha escultura con palabras significativas para o alumnado. “A implicación e participación do persoal dos centros e das familias é sempre de agradecer, porque complementan as propostas institucionais, reforzando a idea de que a lingua é de todos e todas”, apuntou.
O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola UCESCO en 1999 co obxectivo de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural, así como para sensibilizar sobre a importancia dos idiomas, celebrándose por primeira vez no ano 2000. Tras a súa adopción oficial pola ONU o 21 de febreiro do 2002, a Xunta de Galicia súmase a esta efeméride de xeito ininterrompido desde 2010, impulsando a promoción e a transmisión interxeracional do galego.
Cada ano, o organismo elixe un tema arredor do que xira esta celebración e que nesta ocasión incide no 25 aniversario e mais na salvagarda da diversidade lingüística, recoñecendo que todas as linguas do mundo son esenciais para a educación, constituíndo o principal medio de transmisión de coñecementos e preservación das culturas.