O alumnado da Escola Provincial de Gaitas de Ourense recibe os seus diplomas

OurenseXa
Durante este ano, 65 alumnos e alumnas formáronse nos cursos de zanfona, percusión, gaita, pandeireta e canto popular, así como o de Mestre Gaiteiro a Daniel Castiñeiras
O alumnado da Escola Provincial de Gaitas de Ourense recibe os diplomas do curso 2023-2024
21 Xuño 2024

A Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense entregou esta tarde os diplomas aos 65 alumnos e alumnas dos cursos de zanfona, percusión, gaita, pandeireta e canto popular, así como o de Mestre Gaiteiro a Daniel Castiñeiras. Nun acto no que participou o presidente provincial, Luis Menor, quen felicitou ao alumnado que “xa pasa a formar parte da historia desta canteira de artistas”.

Ademais, Luis Menor aproveitou a ocasión para felicitar ao director da Escola, Xosé Lois Foxo por ser un dos 19 cidadáns condecorados coa Orde do Mérito Civil que concedeu onte Felipe VI con motivo do X aniversario da súa proclamación como Rei. “Un recoñecemento ao que por suposto nos sumamos desde Ourense e que da boa conta do seu compromiso e traballo coa sociedade ourensá durante décadas a través desta Escola e da Real Banda de Gaitas da Deputación”, salientou o presidente provincial.

Con esta condecoración, a Casa Real quixo premiar o traballo de Xosé Lois Foxo “fomentando e ensinando a miles de mozos este tradicional instrumento; construíndo e engrandecendo, día a día, a Real Banda de Gaitas de Ourense”.

Ensino e divulgación

A Escola de Gaitas da Deputación, dixo o presidente provincial, converteuse no “buque insignia da cultura ourensá, un orgullo para a nosa provincia pero, sobre todo, para nós como Deputación”. O traballo desta Escola -lembrou Menor- vai máis alá do labor puramente formativo coa organización doutras actividades que permiten divulgar e potenciar a cultura, como a creación do Museo Internacional de Cornamusas, a Xuntanza Internacional de Gaiteiros -evento declarado de Interese Turístico de Galicia-, ou a publicación do Anuario da Gaita.

0.11928701400757