O alumnado do campus de Ourense leva a cabo un proxecto de empoderamento da muller privada de liberdade

OurenseXa
O alumnado do Grao de Traballo Social, da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, en colaboración co Centro Penitenciario de Pereiro Aguiar e a asociación Concaes, levaron a cabo este proxecto de empoderamento e coidado da muller privada de liberdade
uvigo-preiro-de-aguiar
O alumnado do campus de Ourense leva a cabo un proxecto de empoideramento da muller privada de liberdade
1 Jun 2024

Alumnado do Grao de Traballo Social, da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, desenvolveu este cuadrimestre un proxecto de empoderamento e coidado da muller privada de liberdade en colaboración co Centro Penitenciario de Pereiro Aguiar e a asociación Concaes (Confraternidad Carcelaria de España).

A iniciativa, que levou por título Xustiza terapéutica en medidas privativas de liberdade, con perspectiva de xénero: a túa voz é importante, enmárcase na liñas estratéxica da citada facultade de desenvolver accións formativas conxuntas con empresas e institución especializadas en atención á diversidade. Optando polo formato de proxecto de aprendizaxe servizo á comunidade, na proposta participou alumnado da materia de Xénero, violencia e intervención social baixo a dirección da profesora María José Vázquez Figueiredo. “Esta experiencia pon en valor a transformación social que se produce cando se incorpora o paradigma da xustiza terapéutica no ámbito penintenciario”, sinala a súa responsable.

Das aulas ao centro penitenciario

Foron varios os retos do proxecto, que contou co apoio de entidades como a Vicerreitoría do campus de Ourense, a Cátedra Unesco Transformative Education: Science, Communication and Society e a Asociación Trama. En primeiro lugar, tivo como obxectivo traballar o empoderamento da muller en prisión (e evitar a súa revitimización) coa idea de que este empoderamento “permite ás persoas que están en situación de alta vulnerabilidade desenvolver habilidades e capacidades para mellorar o control sobre elas mesmas, sen vulnerar os dereitos dos demais”. En segundo lugar, o proxecto quixo afondar “na comprensión das necesidades criminoxenas desde un perspectiva humanística e de xénero”, recorrendo á perspectiva da xustiza terapéutica e a reflexión sobre a necesidade de “transformar a xustiza nun proceso terapéutico, que humanice ás persoas”.

Neste marco de traballo, o alumnado de Traballo Social deseñou diversas propostas psicoeducativas para fortalecer ás mulleres que están a cumprir unha medida xudicial. Divididas en grupos e en relación ao citado colectivo, as estudantes traballaron a percepción e construción social do corpo da muller en distintas culturas; a resiliencia tras a maternidade; o afrontamento de retos e redes de apoio; os dereitos e o empoderamento e as mulleres supervivientes de violencia de xénero. Despois de traballar estas cuestións nas aulas da Facultade de Educación e Traballo Social, as alumnas tiveron a oportunidade de implementar as súas propostas no Centro Penitenciario Pereiro Aguiar, co apoio desta entidade e de Concaes Galicia.

“O proxecto resultou altamente produtivo e gratificante”, explica Vázquez Figueiredo. Así, detalla, as universitarias puideron adquirir unha percepción máis axustada á realidade da cárcere, do seu espazo e distribución e da asunción de responsabilidades e obrigas que teñen as persoas nela. Ademais, a experiencia permitiulles reforzar e cotexar as competencias coas que traballaron na materia, como escoitar activamente e “aprender a crer na posibilidade de cambio toda vez que se leve a cabo unha intervención adaptada ás persoas coas que se vai a intervir”.

Sobre a valoración do proxecto por parte dos outros actores participantes, María José Vázquez sinala que é positiva. Así, explica que na xornada de balance do proxecto realizada con elas, desde o Centro Penitenciario de Pereiro Aguiar trasladaron a súa consideración de que “introducir este tipo de iniciativas educativas no centro penitenciario permite por un lado seguir dando resposta ás necesidades das mulleres privadas de liberdade e, por outro, sensibilizar e implicar a cidadanía no proceso de reinserción social”. Pola súa banda, a coordinación en Galicia de Concaes salientou sobre esta experiencia que a “colaboración e o traballo en rede entre as entidades sociais e o ámbito universitario resulta fundamental para sensibilizar e achegar a realidade social ao alumnado e a futuros profesionais”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18916416168213