O alumnado do CEIP Seixalvo celebrou o Día da Educación Ambiental da man da CHMS

OurenseXa
Un total de 52 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria participaron nun obradoiro especial organizado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil
ceip-seixalbo-chms
27 Jan 2026

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) conmemorou este luns o Día Mundial da Educación Ambiental cunha actividade dirixida ao alumnado do CEIP Seixalvo de Ourense, un dos seis centros escolares da demarcación Miño-Sil que participan este ano no proxecto “Gústame o meu río”.

Un total de 52 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria participaron nun obradoiro especial organizado pola CHMS, acompañados polo seu profesorado. A xornada contou coa presenza do presidente do organismo, José Antonio Quiroga, que agradeceu a implicación do centro educativo e do alumnado, facendo entrega dunha placa en recoñecemento á súa participación activa neste programa, orientado a fomentar o respecto e o coidado da auga e a poñer en valor a súa importancia para a vida.

Durante a primeira parte da actividade, o alumnado presentou un traballo de investigación no que compartiu a súa visión sobre a protección do medio ambiente, abordando cuestións como o aforro de auga, a reciclaxe ou a redución das emisións de carbono.

A continuación, os escolares continuaron afondando na importancia do uso responsable da auga a través dun traballo práctico dividido en dous grupos: “científicos/as de campo” e “científicos/as de laboratorio”. Os primeiros realizaron unha ecoauditoría no propio centro escolar, analizando o consumo de auga en billas e cisternas e detectando posibles perdas, o que lles permitiu reflexionar sobre a necesidade dun uso responsable das instalacións. Pola súa banda, o grupo de laboratorio achegouse ao concepto de pegada hídrica e calculou a media da aula, descubrindo que o consumo anual asociado ao seu estilo de vida rolda os 700.000 litros de auga.

José Antonio Quiroga destacou a aposta da CHMS “pola educación ambiental para conseguir que, desde pequenos, tomemos conciencia de que a auga é necesaria e limitada”, subliñando a importancia da responsabilidade individual na conservación dos ríos e dos ecosistemas. Baixo o lema “Coñecer para valorar”, estas iniciativas educativas contribúen a avanzar cara a un modelo de desenvolvemento máis sostible, salientou o presidente do organismo.

⚙ Configurar cookies
0.084060907363892