O alumnado do IES O Couto foi premiado no programa ‘Clases sen fume’

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou na entrega de premios do programa da Xunta Clases sen fume, no que arredor de 2.600 escolares de 43 centros educativos de toda Galicia reflexionaron sobre os beneficios de dicir non ao tabaco.
No acto, o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; e pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses.
Nesta XXI edición do programa Clases sen fume, desenvolvida pola Consellería de Sanidade coa colaboración da Consellería de Educación e da Dirección Xeral de Xuventude, foron galardoados alumnos e alumnas dun total de 8 centros educativos, entre os cales se atopa o alumnado de 2ºD do IES O Couto. Da provincia de Ourense tamén foron premiados os alumnos de 1ºB do IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras.
Durante a súa intervención, o conselleiro de Sanidade puxo en valor o recente acordo para a creación da Rede Galega de Escolas Promotoras da Saúde, unha iniciativa que dará continuidade á colaboración entre a Consellería de Sanidade e a de Educación, Ciencia, Universidades e FP, co obxectivo de fomentar o benestar físico, emocional, social e ambiental do alumnado.
Nesa mesma liña, Gómez Caamaño lembrou que Galicia aprobará moi pronto a nova Lei de protección da saúde das persoas menores e de prevención de condutas aditivas, unha norma que —explicou— “será pioneira en España ao equiparar os cigarros electrónicos ao tabaco convencional”.
O titular de Sanidade destacou tamén a boa acollida do programa nas aulas, tanto por parte do profesorado como do alumnado. Rematou a súa intervención convidando os asistentes a visitar algunha das máis de 240 praias sen fume que hai en Galicia.
O programa Clases sen fume botou a andar no ano 2002 co obxectivo de evitar o inicio do consumo de tabaco entre a mocidade galega, especialmente no alumnado de 1º e 2º da ESO.
Esta iniciativa, promovida pola Consellería de Sanidade e integrada no Plan Proxecta, baséase no compromiso individual e colectivo de non fumar durante polo menos seis meses, reforzando así a decisión voluntaria de manter hábitos de vida saudables e promovendo ademais unha presión de grupo positiva a través do traballo en equipo na aula.