O alumnado ourensán participou nunha xincana educativa para fomentar a súa conexión co comercio local

OurenseXa
A actividade forma parte d do programa piloto ‘Localízate! No teu comercio local’ impulsado pola Xunta
xincana-localizate-ourense
15 May 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá na entrega de premios dunha nova xornada do programa piloto ‘Localízate! No teu comercio local’, unha iniciativa dirixida á mocidade de 1º a 4º da ESO e enmarcada nas accións do Plan estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.

Tras o seu paso por Vigo e A Coruña, trátase da terceira das xincanas lúdico-educativas que esta semana está a impulsar a Xunta co obxectivo de crear vencellos de valor entre a mocidade galega e os establecementos comerciais das súas contornas e que rematarán hoxe coa última proba na cidade de Lugo. Os alumnos participantes deberon completar unha carreira por equipos que partiu de Bispo Cesáreo, onde estaba situada unha unidade móbil, e discorreu pola Alameda, na ubicación provisional da Praza de Abastos, e polas principais rúas comerciais da cidade, coma Doutor Marañón, Concordia ou Valle Inclán. Durante o percorrido, os rapaces e rapazas deberon resolver diferentes probas e interactuar cos comercios colaboradores.

José González felicitou aos gañadores e agradeceu a todos os alumnos e alumnas a súa participación, “demostrando entusiasmo, curiosidade, traballo en equipo e, sobre todo, ganas de aprender e de achegarse ao comercio de proximidade”. O conselleiro puxo en valor que esta é unha das máis de 70 accións incluídas no novo Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 e destacou o éxito desta primeira edición, que permitiu en conxunto —e sumando a primeira parte da experiencia, na que os centros educativos inscritos realizaron unha proposta de dinamización para un comercio local— se chegou a máis de 600 rapazas e rapaces coa colaboración de arredor de 70 establecementos.

José González salientou que proxectos coma este permiten á mocidade coñecer de primeira man o valor do comercio local, conversar coas persoas que están detrás dos mostradores e descubrir como cada tenda é unha peza clave no tecido social e económico da nosa contorna. Tamén os convidou a ter en conta a experiencia de cara ao futuro, lembrando que o comercio depende compromiso e das eleccións de cada un de nós e animou a que o teñan en conta tamén como unha posible alternativa profesional de emprendemento.

Desenvolvemento das xincanas

Localízate constitúe unha aposta estratéxica da Xunta por reforzar o futuro do comercio galego a través da participación e implicación das novas xeracións. Ao igual que se fará mañá en Lugo, cada clase participante foi dividida en grupos dun mínimo de 8 e un máximo de 10 alumnos e alumnas, acompañados en todo momento por unha persoa adulta responsable durante o percorrido da actividade. Ao longo da xincana, cada grupo tivo que superar seis probas distribuídas por distintos establecementos comerciais e postos da praza de abastos, nos que puideron coñecer de primeira man as distintas tipoloxías do comercio de proximidade, a súa actividade diaria e interactuar coas persoas comerciantes. Cada proba consistiu en responder a unha pregunta vinculada á actividade comercial. Por cada acerto, o equipo recibiu unha peza dun crebacabezas, sendo gañador aquel que logrou completalo no menor tempo posible.

Plan estratéxico do comercio de Galicia

O Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030 é unha folla de ruta dotada con máis de 320 millóns de euros destinada a modernizar e fortalecer o sector comercial galego, adaptándoo ás novas realidades económicas e sociais. Entre as grandes apostas do plan destaca a creación dunha marca unificada para o comercio de Galicia, pensada para reforzar o seu posicionamento e valor diferencial. Tamén se poñerá en marcha o proxecto Vilas Vivas, co que se quere revitalizar contornas urbanas en localidades singulares con potencial turístico e unha alta concentración de comercios pechados.

⚙ Configurar cookies
0.1609001159668