O Arquivo Histórico Provincial de Ourense inaugura a ‘María Luz Morales, pioneira do xornalismo feminino’

O Arquivo Histórico Provincial de Ourense inaugura a ‘María Luz Morales, pioneira do xornalismo feminino’, organizada no marco da conmemoración do Día da Muller, unha escolma documental sobre a que fora directora de La Vanguardia entre 1936 e 1939, con 24 pezas, baseada en distintas publicacións da xornalista e escritora e na correspondencia que mantivo con Vicente Risco entre 1955 e 1960, conservada neste arquivo.
Esta recompilación bibliográfica fai un repaso polas facetas da autora como escritora de novela, teatro e libro infantil, así como editora, tradutora, crítica cinematográfica e guionista, amosando a súa relevancia para a cultura galega e como referente para as mulleres do seu tempo. A súa traxectoria inclúe, ademais, o seu traballo como parte da Asociación de Escritores Galegos, que se constituíu en 1936, ou a participación na campaña do Estatuto Galego do mesmo ano.
Ademais do material do propio Arquivo Histórico, a proposta conta con documentos procedentes da Biblioteca Pública Nós, da Biblioteca de Galicia, da Biblioteca Pública de Lugo e da Biblioteca Fundación Pública Camilo José Cela, xestionadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como outras pezas da Real Academia Galega, de Galaxia, da Fundación Penzol, de Arxiu Fotogràfic de Barcelona e da colección particular da familia Conde Escuredo.
A mostra, que poderá visitarse ata o 30 de maio, forma parte do programa ‘As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade’, que conta con 74 exposicións temporais repartidas en 18 equipamentos culturais xestionados pola Xunta de Galicia.