O artista Joaquín Moldes cede unha das súas obras á Unidade de Reanimación do CHUO

Desde este luns, pacientes e profesionais da Unidade de Reanimación do Hospital Universitario de Ourense contan cun novo compañeiro de viaxe: un cadro do artista Joaquín Moldes, quen pasou 21 días nesta unidade tras someterse a unha complexa intervención cirúrxica.
Diagnosticado de Parkinson no ano 2022, foi o consello da súa neuróloga o que lle abriu o camiño da arte como ferramenta de rehabilitación, tanto física como emocional. Desde entón, xa leva creadas preto de 400 obras, realizadas integramente con materiais reciclados e cargadas de simbolismo e forza expresiva.
Acompañado pola súa neuróloga Rosa Yáñez, a cirurxiá que o operou, Xuliana Fernández Varela, e outros profesionais como José Luis Gómez Gil e Olalla Fernández Varela, Joaquín fixo entrega desta obra como mostra de gratitude ao equipo da unidade e como fonte de inspiración para quen loitan por recuperar a súa saúde.
Natural de Sanxenxo e veciño de Punxín, Joaquín é un artista autodidacta que atopou na creación artística unha nova forma de vivir e de comunicarse co mundo. “A arte pode ser un camiño de sanación. Animo especialmente ás persoas con enfermidades neurolóxicas a que se acheguen a ela”, sinala o artista.