O artista Pedro Castro Couto doa á Fundación Curros Enríquez unha obra inspirada no autor

O artista Pedro Castro Couto, coñecido como 'Perico', fixo entrega esta semana dunha obra inspirada no poema ‘Nouturnio’ de Manuel Curros Enríquez á Fundación Curros Enríquez. A doazón tivo lugar na Casa dos Poetas, en Celanova, no marco da súa exposición 'Pintura y tinta', que permanecerá aberta ao público ata o 5 de agosto.
A mostra, que se inaugurou a comezos de xullo, ofrece unha visión diferente do traballo do pintor ferrolán afincado na Coruña, cunha clara aposta pola tinta fronte ao óleo e ao acrílico. A través de debuxos e gravados, a exposición permite descubrir o dominio de 'Perico' na liña e no contraste entre luz e sombra.
Celanova foi escollida como sede da mostra pola súa historia e relevancia cultural, un contexto que, segundo o artista, enriquece a experiencia do espectador. Entre as pezas expostas destacan caricaturas de escritores e artistas, así como ilustracións a plumilla sobre o patrimonio da provincia de Ourense.
Na entrega da obra, realizada ante o membro da fundación José María Rodríguez, Pedro Castro explicou que a peza doada recolle a esencia de ‘Nouturnio’, combinando elementos paisaxísticos e retratísticos nunha escena que transita entre o real e o imaxinado, en liña coa estética do conxunto da exposición.