O artista Pedro Castro Couto expoñerá na Casa dos Poetas a súa mostra ‘Pintura y tinta’

O venres 27 de xuño ás 19:00 horas, o artista Pedro Castro Couto, coñecido como “Perico”, inaugura na Casa dos Poetas de Celanova a exposición ‘Pintura y tinta’. A mostra ofrece un percorrido pola súa obra recente, na que destacan paisaxes e retratos que crean atmosferas onde se mesturan realidade e fantasía.
Nado en Ferrol e residente na Coruña, nesta ocasión o autor aposta pola tinta como protagonista, por riba do óleo e do acrílico, amosando así unha nova faceta da súa traxectoria. A través de debuxos e gravados, exhibe o seu dominio da liña, da luz e da sombra.
A elección de Celanova non é casual: a vila foi escollida polo seu rico patrimonio histórico e cultural, o que permite un diálogo entre a obra contemporánea do artista e o contexto monumental da Casa dos Poetas.
Ademais das obras principais, a exposición incluirá retratos caricaturescos de literatos e pintores, así como ilustracións a plumilla sobre o patrimonio de Ourense.
A mostra poderá visitarse ata o 24 de xullo, de martes a sábado en horario de mañá e tarde.