O artista Xosé Poldras inaugura unha exposición no Pazo Provincial

O primeiro andar do Pazo da Deputación de Ourense abriu este venres á cidadanía as portas da exposición ‘Aquel río’, unha mostra retrospectiva que percorre os últimos anos de traballo do artista e doutor en Belas Artes, Xosé Poldras.
A mostra está composta por 37 obras de formato medio e grande que recolle pezas elaboradas mediante métodos tradicionais de estampaxe manual con tórculo, pero cunha visión estritamente contemporánea.
O artista aposta por edicións moi curtas —de entre catro exemplares e a obra única—, afastándose da función de reprodución en serie propia deste xénero, para centrarse na mensaxe e na relación directa co público.
Nas composicións de Poldras, o espazo baleiro adquire a mesma relevancia que a superficie intervida. O artista define o seu traballo como un "canto á diversidade de puntos de vista", onde as composicións son limpas e diáfanas, ofrecendo un respiro ante a presión das dinámicas de vida aceleradas. Ademais, explica, nesta mostra, o público non é un mero observador, senón que debe completar a obra ao seu xeito, establecendo o seu propio diálogo cos personaxes. O tacto das pezas xoga un papel fundamental, xa que a presión do tórculo deforma o papel, creando texturas que afastan a obra da imaxe plana convencional.
O título da exposición, ‘Aquel río’, está inspirado nun fragmento do poema Caaveiro de Manuel Álvarez Torneiro (pertencente ao libro Os ángulos da brasa), reflectindo a estreita vinculación do artista co xénero literario e a poesía visual.
Xosé Poldras (A Coruña, 1969) conta cunha sólida traxectoria académica e profesional. A súa obra forma parte de prestixiosas coleccións como a da Biblioteca Nacional de España, o Museo Majdanek en Polonia, ou as coleccións de arte das Deputacións de Ourense, Lugo e A Coruña, entre outras institucións internacionais.