O Ateneo de Ourense acolle a presentación dunha publicación sobre os hórreos e canastros de Avión

O Ateneo de Ourense organiza a presentación do libro 'Hórreos e canastros no concello ourensán de Avión', da autoría de Antonio Doval Adán. O acto terá lugar o venres 27 de xuño de 2025, ás 19:30 horas, na sede provisional do Ateneo, situada no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense (rúa do Progreso, 30).
Antonio Doval Adán é Profesor-Titor na UNED e profesor titular de Xeografía Humana na Universidade de Santiago de Compostela. Foi Premio de investigación da Real Academia Galega de Ciencias no ano 1992, e exerceu como Director de Coordinación Territorial e Xefe de Planificación e Estudos da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal da Xunta de Galicia entre 1994 e 2000.
Ao longo da súa traxectoria publicou seis libros e máis de noventa artigos e capítulos sobre cuestións relacionadas co desenvolvemento rexional, a economía urbana ou o patrimonio cultural.
Neste novo libro, Doval recolle os resultados dunha ampla investigación sobre hórreos e canastros no municipio de Avión. A obra analiza o número e distribución destas construcións, as súas tipoloxías, as agrupacións máis destacadas, o grao de abandono e tráfico ilegal, así como o estado actual de conservación.
O estudo documenta 1057 canastros en Avión, maioritariamente dos séculos XVIII e XIX, repartidos en 97 eiras, con varias agrupacións que superan a decena ou vintena de exemplares. Estes datos sitúan ao concello como un dos principais referentes do patrimonio etnolóxico en Galicia.