O Ateneo de Ourense organiza unha conferencia para conmemorar o 8M

O Ateneo de Ourense conmemorará o Día da Muller cunha conferencia da doutora e catedrática en Xeografía e Historia, Rosa María Cid Galante, que terá lugar o vindeiro venres 7 de marzo ás 19.00 horas na sede provisional do Ateneo, situada no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
No relatorio, titulado “A imaxe da muller ourensá: entre o continuismo e a ruptura do primeiro terzo do século XX”, Cid Galante analizará o contexto social onde, ante un novo tipo de sociedade, ían chocar as ideas conservadoras, mantedoras da tradición, e as modernas, defensoras dun cambio social que incluía un novo rol e concepto da muller e os seus dereitos.
Rosa María Cid Galante, destacou en toda a súa carreira profesional como investigadora da historia da educación das mulleres ourensás e o seu acceso aos distintos niveis educativos, ademais dun traballo de recuperación de moitas profesionais que quedaron invisibilizadas pola concepción tradicional dos papeis home/muller e o encorsetamento social á que estaban sometidas as mulleres.