O Auditorio Municipal de Ourense acollerá este luns a presentación da función escolar ‘Derailed’
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presentará no Auditorio Municipal de Ourense, o luns 20 de xaneiro, en dúas funcións ás 10.00 e ás 12.00 horas, a obra de teatro para escolares en inglés Derailed, de Face2Face Company, dirixida a público desde 1.º ata 4.º da ESO. Asistirán máis de 600 estudantes procedentes de 9 centros escolares de Ourense e provincia.
O teatro participativo é unha das ferramentas máis útiles, prácticas e divertidas para aprender inglés. Na obra Derailed perpetrouse un misterioso asasinato, e o torpe inspector Cluelez foi designado para descubrir ao culpable nesta extravagante versión da novela de Agatha Christie, Asasinato no Orient Express. O vagón está cheo de personaxes excéntricos (afortunados membros do público), todos igualmente sospeitosos. Poderá o inspector atopar ao culpable ou terminará os seus días tendido sobre as vías do tren?
As artes escénicas teñen unha especial relevancia dentro da programación para escolares que deseña cada curso o equipo da área educativa de Afundación co obxectivo de reforzar a formación que os estudantes reciben nas aulas. A programación está deseñada para promover unha educación en valores e competencias transversais potenciando o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo. Neste sentido, as artes escénicas están consideradas como unha das ferramentas educativas máis útiles para estimular a capacidade de observación dos estudantes, posibilitar o diálogo e a reflexión, e desenvolver habilidades sociais.