O Barbadás Gaming regresa durante a Semana Santa

A Casa da Mocidade acollerá os días 31 de marzo e 1 de abril unha nova edición do evento dedicado aos videoxogos organizado polo Concello de Barbadás, que nesta ocasión chegará á súa quinta edición con propostas centradas no lecer dixital para a mocidade.
A iniciativa, coñecida como Barbadás Gaming, ofrecerá durante dúas xornadas diferentes actividades relacionadas cos videoxogos, incluíndo competicións, experiencias de realidade virtual, simuladores de condución e as últimas novidades en PlayStation 5. A participación será gratuíta e está dirixida a mozos e mozas a partir dos 12 anos.
O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, destacou que “é un evento xa consolidado durante a Semana Santa para o desfrute da nosa mocidade”, ao tempo que animou á participación. Segundo explicou, o obxectivo é ofrecer un espazo no que os participantes poidan compartir afeccións e competir nun ambiente positivo. “Queremos que se divirtan en comunidade e que compitan de xeito san nun espazo pensado para eles”, sinalou.
O encontro desenvolverase en horario de mañá e tarde, entre as 11.00 e as 14.00 horas e entre as 16.30 e as 20.30 horas durante o martes 31 de marzo e o mércores 1 de abril. Durante o evento tamén haberá persoal municipal para atender as dúbidas ou necesidades dos participantes.
Desde o goberno local subliñan ademais a importancia de impulsar actividades dirixidas á poboación nova, un colectivo que, segundo o alcalde, moitas veces conta con poucas alternativas de lecer. Neste sentido, Valcárcel explicou que a iniciativa tamén busca dar a coñecer as instalacións da Casa da Mocidade para que a xuventude saiba que pode utilizalas ao longo de todo o ano.