O BNG acusa á Xunta de usar o Mosteiro de Celanova para “autopromoción e propaganda”

A responsable comarcal do BNG para Terras de Celanova e Baixa Limia, Ernesta Seoane, denuncia “a inxerencia da Xunta no Mosteiro de San Salvador de Celanova” e “a falta de respecto ao territorio” tras a reunión do Consello da Xunta celebrada esta semana.
Seoane acusa á Xunta de ter feito con este encontro “un exercicio de autopromoción e propaganda” e cualificou a reunión como “unha visita de cartón pedra, máis preocupada pola imaxe ca pola realidade”. Para a nacionalista, “é insultante que a Xunta veña a Celanova presumir de orzamentos mentres leva anos descoidando á nosa xente e abandonando os servizos públicos máis básicos”.
A responsable comarcal denuncia que “a realidade cotiá da rexión segue marcada por carencias que a Xunta leva tempo ignorando” e pon como exemplo a falta de atención sanitaria axeitada, coa pediatría reducida ao mínimo e coa veciñanza obrigada a desprazarse pola falta de especialistas, ou o abandono de infraestruturas e proxectos pendentes, en particular todo o relacionado co encoro das Cunchas. Sinala, ademais, que a mocidade da comarca “segue a ser a gran esquecida, sen oportunidades nin recursos para quedar e construír o seu futuro aquí”.
Respecto á elección do Mosteiro de San Salvador de Celanova, un dos máis importantes da comunidade, como punto de encontro para a reunión, “é o mellor exemplo do que representa este goberno: un escaparate baleiro mentres o patrimonio, os servizos e a poboación esmorecen”. A Xunta, advirte, “non só ignora as reivindicacións sociais e veciñais, senón que ten a ousadía de facer campaña no mesmo edificio que simboliza o abandono institucional destas comarcas”.
Seoane denuncia que o lugar “segue a deteriorarse mentres a Xunta utiliza o espazo para crear un escenario político”. “Non hai respecto nin compromiso coa rexión, só un intento de vender fume e agochar anos de abandono”, afirmou Seoane. “A visita da Xunta a Celanova foi só outra farsa, sen contido nin verdadeira vontade de mellorar nada”.
Para o BNG, con este encontro “o Goberno galego amosou desprezo polas comarcas de Celanova e Baixa Limia, reducindo a súa presenza a un acto de propaganda sen respostas nin compromiso coa comunidade local”. Por todo isto, a responsable comarcal anuncia que o seu partido impulsará unha serie de emendas a estes orzamentos en relación coa súa comarca de Celanova e Baixa Limia no Parlamento galego a través do grupo parlamentario nacionalista.