O BNG acusa ao PP de Ourense de intentar “conservar cotas de poder” sen ter en conta as necesidades do territorio

OurenseXa
Acusan ao PP de ser “o máximo responsable do declive demográfico, económico e social” da provincia
María Mangana, Bernardo Varela, Xose Manuel Puga
María Mangana, Bernardo Varela, Xose Manuel Puga
4 Mar 2026

O voceiro do grupo provincial do Bloque Nacionalista Galego na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, criticou as recentes declaracións do presidente provincial, Luis Menor, quen reclamou “blindar a representación territorial” para evitar que territorios con maior crecemento demográfico gañen peso institucional fronte a áreas como Ourense.

Para o voceiro nacionalista resulta “inaceptable” que o PP, tras máis de catro décadas de goberno interrompido, “pretenda agora presentarse como defensor do peso político de Ourense” cando, afirma, “é precisamente o Partido Popular o máximo responsable do seu declive demográfico, económico e social”. Neste sentido, sinala Varela, “xa en 1993 se perdeu o quinto deputado que nos representaba naquela altura”.

Segundo os nacionalistas, desde ese ano o PP tería impulsado “políticas que favoreceron a emigración da xente nova, o envellecemento poboacional e o abandono do rural, entre elas o recente apoio ao acordo do MERCOSUR, que causará graves consecuencias ao noso sector primario, deixando ás comarcas da circunscrición de Ourense sen oportunidades laborais, sen servizos públicos suficientes e sen proxecto de futuro”. Unha situación que, segundo Varela, se traduce nunha “merma de habitantes e, en consecuencia, de capacidade de representación”.

Para o BNG, “a preocupación do PP non é defender Ourense nin mellorar a vida da súa xente, senón conservar cotas de poder”, e afirman que “historicamente, os populares prefiren territorios demograficamente desertizados e dependentes, que garantan un control clientelar. Agora, cando as consecuencias desa estratexia se traducen en menor peso político, pretenden cambiar as regras do xogo para manter privilexios”.

Os nacionalistas consideran que “non se poden reclamar blindaxes institucionais mentres se abandona e condena a Ourense á perda de poboación” e afirman que “a verdadeira defensa de Ourense pasa por políticas activas de reindustrialización, emprego digno, servizos públicos fortes, vivenda accesible e apoio real ao rural, para que a xente poida vivir e traballar aquí”, así como “dicir non ao Mercosur”.

Desde o grupo provincial aseguran que seguirán traballando “para que a circunscrición electoral manteña o peso político que lle corresponde, e iso pasa por dotar a todas as nosas comarcas de futuro e con máis poboación, porque a mellor maneira de gañar peso institucional é gañar habitantes, dereitos e oportunidades, non manipular a representación democrática para tapar décadas de mala xestión”.

Ademais, segundo Varela, “de nada vale ter deputados ourensáns en Madrid se estes non actúan como defensores do propio territorio, senón como ‘cuneros’ ou, como tales, antepoñen os intereses do seu partido aos da cidadanía”. Con todo, reivindica a necesidade de manter a representación política en Madrid, pero reclama “que esa representación sirva para poñer enriba da mesa as infraestruturas, os servizos e as políticas de desenvolvemento económico e social que aínda dependen do Estado español”.

0.1290979385376