O BNG alerta da falta de logopedas en Ourense e pide o reforzo urxente do servizo

O Grupo Parlamentar do BNG vén de presentar varias iniciativas relativas á situación do servizo de logopedas do SERGAS, facendo especial fincapé na Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, lembra que “o Colexio Profesional de Logopedas de Galiza ten trasladado publicamente as súas demandas para a mellora do servizo público de logopedia no noso país, considerando que a día de hoxe, o servizo ofrecido dende os hospitais non da resposta á demanda real nin cubre as necesidades de todas as galegas e galegos”.
A deputada nacionalista por Ourense Noa Presas, impulsora da iniciativa, sinala que xa “o Colexio Profesional de Logopedas de Galiza ten trasladado publicamente as súas demandas para a mellora do servizo público de logopedia no noso país, considerando que a día de hoxe, o servizo ofrecido dende os hospitais non da resposta á demanda real nin cubre as necesidades de todas as galegas e galegos”.
Os nacionalistas advirten de que “a sanidade pública galega conta actualmente con tan só 37 logopedas”, cifra que estaría “lonxe da demanda da poboación, cunha gran presión asistencial e sobrecarga dos servizos”, e lembran que desde o Grupo Parlamentario do BNG levan tempo denunciando esta situación.
A máxima preocupación, alerta Presas, está en Ourense. Recentemente, lembra, o propio Colexio facía a denuncia de que na macroárea sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras hai unha soa profesional desta categoría, sendo, di “a peor situación de toda Galiza”. A propia profesional que ostenta esta responsabilidade, lembra Presas, sinalaba nos medios de comunicación que esta situación agrávase ademais coa falta de planificación e que o descoñecemento das listas de agarda dificultan calquera tipo de intervención coordinada.
O BNG denuncia ademais que “no lugar de avanzar no reforzo do persoal público, o Goberno galego empregou tamén as necesidades no ámbito da logopedia para seguir na súa senda de privatización”, e explican que xa nun Consello da Xunta de finais de maio autorizábase un crédito de 29 millóns de euros para un acordo marco co que prestar servizos a través da medicina privada, entre os que estaba o da terapia de logopedia que finalmente adxudicou ao hospital privado Vithas de Vigo.
Por iso, dende o BNG instan á Xunta de Galicia a garantir a logopedia na sanidade pública de Ourense así como “a adoptar todas as medidas que sexan precisas para garantir a cobertura territorial deste servizo e evitar que persoas de Ourense, nomeadamente crianzas e persoas maiores teñan que ser derivadas continuamente a Vigo e á sanidade privada”.