O BNG alerta da situación de “deterioro e crise” na que se atopa a Área sanitaria de Ourense

OurenseXa
Dende a formación nacionalista sinalan que "é necesario que a Xunta inicie un cambio de rumbo para blindar en Ourense o dereito á sanidade pública”
bng-ourense
Noa Presas, Sonia Vidal e Iago Tabarés
9 Maio 2024

As deputadas Noa Presas, Sonia Vidal e o deputado Iago Tabarés, compareceron esta mañá en rolda de prensa para abordar a situación da Área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras. Unha situación, segundo Noa Presas, “de deterioro e crise ante a que é necesario que a Xunta inicie un cambio de rumbo para blindar en Ourense o dereito á sanidade pública”.

Presas destacou que, “por unha banda, vemos que aumentaron con intensidade os problemas desta Área sanitaria nos últimos meses como amosan as constantes protestas no Hospital de Ourense, especialmente en Urxencias e na UCI e tamén as protestas en varias localidades pola falta de cobertura de pediatría e primaria, vémolo na cidade e tamén en localidades como O Pereiro, Xinzo, O Barco, ou O Carballiño por exemplo”.

“Por outra banda, vimos de coñecer esta semana un demoledor Informe do Consello de Contas que fiscaliza a asistencia sanitaria con medios alleos da macroárea sanitaria de Ourense, Verín e O Barco”, e engade, “ante a gravidade do Informe avanzamos a presentación de iniciativas no Parlamento Galego e a intensificación das campañas de rúa cun obxectivo claro, Ourense merece unha sanidade pública ben dotada, freando a privatización co reforzo de persoal e medios propios”.

Noa Presas afirmou que “estudado o informe, o primeiro que temos que dicir desde o BNG é que este informe é só a punta do iceberg, porque como é habitual, o propio Consello sinala limitacións ao alcance pola falta de transparencia da Xunta. Isto é moi grave, porque significa que a Xunta impide a un organismo como o Consello de Contas estudar a profundidade da privatización da sanidade. E iso que este é un informe que xa é parcial, pois atende a programas concretos de gasto e deixa fóra, por exemplo, todo o relacionado coa saúde mental”. 

De entre as apreciacións do Consello, as nacionalistas destacan que “hai pacientes que non constan nos rexistros como derivados a centros concertados na xestión das listas de agarda cando si o son, isto é gravísimo e demostra que as denuncias de falta de transparencia de lista de agarda que levamos feito desde o BNG son correctas e que realmente son maiores do que di a Xunta. Tamén nos di que falta información sobre as tarifas aplicadas e desde o punto de vista contable. É dicir, que o PP non só drena recursos do público ao privado, senón que non o xustifica adecuadamente nin fai un bo uso dos recursos económicos”. 

No referido ao caso concreto de Ourense, desde o BNG sinalan que no 2022, que é o ano estudado, en Ourense aumentou con máis intensidade a prestación de asistencia sanitaria con medios alleos. “En Galiza aumentou un 5% e en Ourense un 6,8% é máis, a Área de Ourense é a Área de Galiza na que máis aumentou e máis peso ten a derivación á privada cun peso do 20%. En Ourense, no 2022 mentres a actividade propia medrou un 11%, a derivación a centros privados un 41% é dicir, aumenta máis a derivación a privados que o esforzo propio e sinálase que cada vez se fan máis intervencións de cirurxía menor en centros privados”.

No BNG destacan igualmente que o número de pacientes derivados á privada aumentou un 36% no 2022 con aumentos en todas as especialidades, sendo as máis significativas as de oftalmoloxia e as de traumatoloxia. Así como o feito de que o Consello “fai fincapé na gran derivación destas dúas especialidades e en que oftalmoloxía pasou de non ter apenas necesidade de derivación a a derivar case 700 casos por non atraer profesionais. Por que pasa isto? Porque a privada atraer profesionais e a Xunta expúlsaos”. 

Ao anterior, advirte Noa Presas, “súmase a advertencia do perigo do proceso de concentración do sector hospitatalario privado en grandes grupos empresariais aos que Ourense non é allea e que poderían dar prácticas de oligopolio que puxesen en xaque os servizos”.

Diante desta situación, na que, segundo o BNG, “o Consello de Contas amosa a privatización da sanidade en Ourense e a situación precaria de varios servizos”, avanzan a presentación dunha batería de iniciativas parlamentarias encamiñadas a “unha maior transparencia dos contratos e das listas de agarda, un plan específico para as listas de agarda, que contemple reforzos materiais e unha estratexia de atracción e fixación de persoal para reducir a agarda e a privatización de especialidades como traumatoloxía, oftalmoloxía, odontoloxía ou rehabilitación”.

0.086824893951416