O BNG alerta de irregularidades nos cambios de mobiliario da sede de Urbanismo
Desde hai meses, o Grupo municipal do BNG ven alertando do caos, cada vez maior, que existe a nivel interno no Concello de Ourense. Un caos organizativo sen precedentes que inflúe significativamente na ralentización e na parálise que vive actualmente a administración local pero que nin moito menos “é culpa das e dos traballadores que fan o que boamente poden dentro do descontrol absoluto no que Jácome ten sumido o Concello”.
O que leva tempo acontecendo na sede de Urbanismo, tamén ten sido amplamente denunciado polo BNG, que sen embargo, acende agora todas as alarmas diante dos cambios que se están levando a cabo na sede desta Concellería ao longo do presente fin de semana.
Segundo relata o Portavoz municipal Luís Seara, “estase procedendo a unha nova reorganización dentro da propia Concellería dos postos de traballo e o que resulta moito máis sorprendente, estase cambiando o mobiliario existente cando o certo é que non era nin moito menos unha necesidade”. Seara engade, “é indignante que onte mesmo no Pleno, a Concelleira de Servizos Sociais argumentase non ter cartos para manter os programas de conciliación nos Centros Cívicos e pola contra, gasten centos de miles de euros en cambiar mobiliario que se atopa en perfecto estado de uso”.
Custodia da documentación
Pero para o Grupo municipal do BNG, o máis grave de todo o que está acontecendo é que, segundo Luís Seara, “os traballos desta fin de semana en Urbanismo lévaos a cabo unha empresa privada, a cal está a retirar o mobiliario existente e substituíndoo polo novo, movendo milleiros de documentos e expedientes, moitos deles con información moi sensible pois falamos de disciplina urbanística, tramitación de subvencións, expedientes de infraccións, etc... sen a supervisión de ningún funcionario, recaendo a perda ou o visionado de calquera documento nos propios técnicos municipais, que son os que teñen a garda e custodia de cada expediente”.
“Parécenos moi grave e esixiremos explicacións sobre a que obedece esta nova reorganización da Concellería, a que obedece o cambio de mobiliario e por qué motivo non se está a custodiar toda a documentación alí almacenada que reiteramos, é altamente sensible e que persoal alleo ao Concello está movendo dun lado a outro, e por último, saber quen se vai facer responsable en caso de que desapareza algún expediente”.