O BNG comprométese a crear a Axenda Territorial Galega para o impulso das comarcas ourensás
A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, pide o apoio da veciñanza do Barco de Valdeorras para este 18F e chama a “participar dun momento histórico tendo, por vez primeira, unha presidenta nacionalista coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas. Presas avanza a creación dunha Axenda Territorial Galega (ATG) para impulsar un plan específico que contribúa ao desenvolvemento social e económico da comarca de Valdeorras. Alén do máis, compromete a restitución da Área Sanitaria de Valdeorras, unha unidade de pneumoloxía e silicose, así como un plan de choque de Atención Primaria.
Durante o acto celebrado onte en Valdeorras, Presas estivo acompañada pola alcaldesa nacionalista do Concello da Rúa, María G. Albert, o portavoz municipal do BNG no Concello do Barco e tamén candidato, Suso Vilasánchez, e a senadora nacionalista, Carme da Silva. Todas analizaron que esta campaña electoral “é a máis aberta dos últimos 15 anos” e chaman a concentrar o voto na papeleta do BNG para “facer historia e ter como Presidenta a unha muller nacionalista por primeira vez”.
Noa Presas avanza a creación dunha Axenda Territorial Galega (ATG) para avanzar cara a un País máis vertebrado e con maior cohesión social e económica. Esta medida incluirá o desenvolvemento de diferentes plans territoriais específicos, como o caso da comarca de Valdeorras, para impulsar o desenvolvemento económico e social destes territorios. “O punto de partida é o reequilibrio territorial, garantir unha alternativa de futuro para todas as comarcas ourensás e que Galiza sexa un País sen galegos de primeira e de segunda” enfatiza.
Medidas recollidas no Plan Ourense Vivo para garantir o reequilibrio territorial
O Partido Popular, lembra a cabeza de lista, leva anos póndose de perfil e non escoitando as demandas da veciñanza. De facto, nos Orzamentos da Xunta nunca existe un verdadeiro compromiso coa mellora da OU-533. “No BNG non imos pórnos de perfil. Comprometémonos a dotar dos recursos económicos necesarios para mellorar esta vía e construír ese terceiro carril” asevera Presas.
Por outra parte, Presas comprométese a –desde o goberno galego do BNG- pór en valor a serra da Enciña da Lastra tan esquecida polo Partido Popular e impulsará a rexeneración dos ríos galegos e, no concreto, os da comarca de Valdeorras.
Proxecto para blindar unha sanidade pública de calidade
A cabeza de lista asegura que unha das primeiras medidas que o goberno do BNG fará en materia sanitaria será a modificación do Decreto que regula as Áreas Sanitarios e os Distritos Sanitarios para recuperar a de Valdeorras: “para que volva ter capacidade de decisión, para que sexa resolutiva e para que teña un orzamento específico que permita garantir unha sanidade pública de primeira”. Presas mostra o seu apoio á mobilización convocada en Valdeorras para este mércores, 7 de febreiro, en defensa da sanidade pública e comprométese a reverter a situación provocada polo PP a partir do 18F.
“Entre o noso programa de goberno quero facer mención ao novo modelo de Atención Primaria que defendemos porque, ademais de que incorporemos novas categorías de profesionais -psicoloxía clínica, nutricionistas, terapeutas ocupacionais, traballadoras e traballadores sociais, logopedas-, impulsaremos un plan de choque na Atención Primaria dotado con 200M€” destaca Presas. Así mesmo, a cabeza de lista comprométese a crear unha “unidade de pneumoloxía e silicose no Hospital de Valdeorras e un plan de reforzo de persoal, así como de redución de listas de agarda, para evitar desprazamentos a Ourense”.
Mans libres para defender Ourense e Valdeorras
A senadora do BNG, Carme da Silva, chama a concentrar o voto na papeleta do BNG este vindeiro 18F “para facer historia e ter, por vez primeira, unha presidenta que teña as mans libres para defender os intereses dos galegos e galegas”. En corenta anos de autonomía, lembra da Silva, foron 6 os presidentes da Xunta e todos eles era homes e de forzas de ámbito estatal. “A unha Presidenta do BNG ninguén lle dirá até onde pode chegar na defensa dos intereses dos galegos e galegas. Unha Presidenta do BNG negociará por, exemplo, para que Valdeorras teña garantido un servizo ferroviario adaptado ás necesidades actuais para unhas infraestruturas de calidade” exemplifica a senadora.