O BNG considera o Plan Termal anunciado pola Xunta como “unha burla as veciñas e veciños de Ourense”

OurenseXa
Os nacionalistas expresan o seu malestar ao considerar que os anuncios do presidente da Xunta en materia termal “nunca chegan e que nunca se concretan”
Piscina Termal das Burgas pechada
Piscina Termal das Burgas pechada
18 Jan 2025

O BNG expresa o seu malestar tras a presentación do Plan Termal levada a cabo polo Presidente da Xunta de Galiza este venres ao consideralo “unha burla as veciñas e veciños de Ourense pois levamos décadas escoitando anuncios grandilocuentes, Plans e investimentos que nunca chegan e que nunca se concretan, o penúltimo deles, o hotel termal no edificio actual da Deputación”.

A Formación nacionalista pídelle a Rueda “que respecte á veciñanza de Ourense”, e engade, “é insultante que o PP, autor da Lei máis lesiva para o modelo termal que temos instaurado en Ourense desde hai décadas e que mantén na Alcaldía a Jácome, que di que o termalismo é un bluff e que mantén, a día de hoxe, 15 dos 17 vasos xunto coa piscina termal das Burgas pechados, veñan agora a presentarnos un novo Plan dicindo que vai ser a panacea e a solución a todos os nosos problemas”.

Lembran no BNG que, “levamos escoitando moitos anuncios ao longo dos últimos anos por parte da Xunta en materia termal. Grandes anuncios que non pasan de aí. Tamén levamos anos escoitando importantes investimentos pero que logo non figuran nos orzamentos tal e como temos denunciado a través do noso Grupo Parlamentar”.

Sinalan igualmente que “Ourense xa conta cun Plan Estratéxico termal, aprobado no seu día e por unanimidade polo que cómpre desenvolvelo con compromisos temporalizados e orzamentados” e engade, “para iso cómpre crer no termalismo como fonte de desenvolvemento social e económico, cómpre compromiso institucional, coordinación e financiamento para que os grandes proxectos aí recollidos poidan ser executados”.

Consorcio termal.

O BNG recorda que leva anos defendendo a creación dun Consorcio termal “integrado por todas as administracións, Concello, Deputación, Xunta e Estado” e cuxo obxectivo debe ser “rematar coa caótica situación na que se atopa o sector termal de Ourense a día de hoxe no que cada administración vai ao seu aire sen ningún tipo de coordinación, o que orixina que moitos dos proxectos previstos non se poidan executar”.

É preciso que todas as administracións se involucren no desenvolvemento termal de Ourense e o fagan con compromisos firmes e cuantificables para que ditos proxectos sexan unha realidade e sitúen a Ourense como unha referencia e nos convertan non soamente na Capital termal de Galiza senón de Europa”.

Finalmente, inciden en que o termalismo “ten que ser un dos principais motores de dinamización económica, social e turística pero para iso cómpre reformular o modelo de termalismo público e gratuíto no que seguimos crendo pero dándolle unha nova dimensión e o impulso que sen dúbida precisa”.

0.17594003677368