O BNG critica a actitude de PP e DO tras a sentenza que obriga a restituír ao Interventor municipal

OurenseXa
A resolución xudicial confirma que o Interventor debe ser reposto en todos os seus cargos, incluído o de vogal titular do Tribunal Económico Administrativo (TEA)
grupo-municipal-bng-ourense
21 Sep 2025

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso do Concello de Ourense e ratificou a condena por vulneración de dereitos do Interventor municipal, que deberá ser reposto en todos os seus cargos, incluído o de vogal titular do Tribunal Económico Administrativo (TEA).

Para o BNG, esta resolución deixa en evidencia aos grupos municipais do PP e Democracia Ourensana (DO). Durante o Pleno ordinario do 5 de setembro, o BNG solicitou a retirada do punto da orde do día relativo ao nomeamento do Presidente e do vogal suplente do TEA, alegando que “o Concello estaba á espera de coñecer a decisión do TSXG a respecto do recurso presentado contra a sentenza condenatoria por vulneración de dereitos do Interventor municipal ao ser cesado por Jácome do seu posto”. Porén, PP e DO rexeitaron a petición.

O portavoz do BNG, Luís Seara, afirmou que “naquel momento, desde o BNG entendiamos máis acaído agardar a que a xustiza resolvese o recurso e en función diso abordar a renovación do TEA tendo en conta a decisión que o TSXG puidese adoptar”. Engadiu que agora PP e DO deberán explicar “que efectos ten sobre a decisión adoptada nese Pleno e como teñen previsto executar dita sentenza”.

Seara tamén acusou ao PP de “sumisión absoluta a Jácome”, o que, segundo el, provocou que “para non deixar a Jácome tirado e co cú ao aire, mudaron nese momento o seu voto, que era de abstención, e votaron xunto a DO”.

Finalmente, o portavoz do BNG subliñou que “o PP é igualmente cómplice e culpable das consecuencias que esa decisión e agora a do TSXG poida ter sobre este Órgano tan importante do Concello e sobre as propias arcas municipais”.

⚙ Configurar cookies
0.060915946960449