O BNG cualifica de “rotundo fracaso” o novo mapa de liñas de autobús

O Grupo municipal do BNG saíu esta mañá ao paso do novo mapa de liñas do transporte público, que entrou en vigor recentemente en Ourense, e cualificou a iniciativa do alcalde como “un rotundo fracaso”. Durante a rolda de prensa, o portavoz nacionalista, Luís Seara, destacou que lonxe de mellorar a puntualidade ou a conectividade, as modificacións xeraron “incertidume, falta de información, caos e indignación” entre a veciñanza.
“Desde que o alcalde anunciou o novo mapa de liñas até hoxe, o BNG mantivo unha actitude crítica pero ao mesmo tempo de prudencia. Manifestamos o noso desexo de que esta proposta mellorara o que había pero dixemos que eramos escépticos e anticipamos o que ía pasar”, sinalou o voceiro, Luis Seara. O portavoz engadiu que pediran previamente un estudo rigoroso e que se adiase a implantación, algo que o Rexedor “rexeitou”.
O BNG sinala que a situación actual deriva da falta de planificación e do descoñecemento das necesidades reais da cidade. Para Seara, “a incertidume creada na veciñanza, a falta de diálogo co tecido social, a inexistencia de informes técnicos que apoiaran a proposta, os cambios continuos antes e despois da entrada en vigor, unido a que non se fixo unha proba previa para detectar as posibeis disfuncións e, en consecuencia, facer os necesarios reaxustes, ía colocarnos no peor escenario posible. Incertidume, falta de información e en consecuencia, caos e indignación na maioría da xente usuaria. Á vista dos feitos Podemos dicir con rotundidade que a proposta do alcalde é un absoluto fracaso”.
O portavoz responsabilizou directamente ao Alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e criticou que se fixeran cambios integrais cando só eran necesarios axustes: “Empecinouse en modificar a totalidade do mapa de liñas cando o único que tiña que facer eran axustes. Empezou a casa polo tellado, mercando os buses antes de ter definido o mapa de liñas e descoñecendo as necesidades e características dos vehículos e como non hai unha sen dúas, agora quere facer o propio cos contedores do lixo”.
Nas últimas semanas, explican, o BNG mantivo encontros con veciños, usuarios do transporte e condutores para avaliar a realidade sobre o terreo, viaxando incluso en distintas liñas. Para Seara, o resultado desta análise evidencia perdas claras para distintos colectivos. “Temos información actualizada e veraz de cal é o resultado desta modificación e por tanto podemos facer unha valoración global. Quen gaña e quen perde con esta novo mapa de liñas. Perden os mozos e mozas que teñen que madrugar moito máis para poder chegar ás aulas en hora. Perden as persoas maiores e con problemas de mobilidade, porque agora terán que camiñar máis ou facer máis transbordos”, sinala. Ademáis, engade que “hai persoas que viven no Couto que para chegar á residencia teñen que facer até 3. Perden as traballadoras e traballadores que ao rematar o seu turno de traballo non teñen transporte público. Perden as veciñas e veciños que teñen que padecer a incomidade de ir como sardiñas en lata nas principais liñas troncais, viaxando en buses que non están previstos para un número elevado de xente. Perde a mobilidade no conxunto da cidade, xa que ao ser liñas tan longas e facer percorridos como si dunha ximcana se tratase, acaba por disuadir a moitas usuarias e usuarios”.
Seara tamén sinalou problemas concretos en varias liñas, como incumprimento de horarios, percorridos excesivos ou exceso de aforo, que incluso poden situar aos condutores próximos ao límite legal de 9 horas de condución. Algúns dos percorridos establecidos, di, “provocan que as conductoras e conductores rocen o exceso establecido pola lei de 9 horas máximo de conducción”.
Con todo, o BNG anunciou que a partir deste luns concelleiros e concelleiras estarán nas paradas de bus da cidade recollendo sinaturas: “Nós ofrecémoslle á cidadanía unha canle para canalizar esa indignación, polo que anunciamos que a partires deste luns, as e os Concelleiros do BNG, así como compañeiras e compañeiros perfectamente identificados, estaremos nas distintas paradas de bus da cidade para que todas e todos aqueles que o consideren oportuno, poidan asinar unha queixa xeral para que o Alcalde dea marcha atrás e corrixa todas aquelas cuestións que teña que correxir, previo diálogo social e cos informes e asesoramento das persoas que saben”.