O BNG cuestiona o proxecto de Orzamento presentado polo Goberno municipal de Ourense

O pasado venres, no apartado de rogos e preguntas, o Grupo municipal do BNG preguntoulle ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, cando tiña pensado remitir aos Grupos da Oposición o proxecto de Orzamento que pola contra si tiña o PP desde hai semanas. A resposta do rexedor, explican os nacionalistas, foi que dito documento entregaríase “cando sexa legalmente obrigatorio pois co BNG non ímos perder o tempo en negociar nada”.
Este pasado martes 6 de maio, o Goberno Local remitía dito proxecto de Orzamento Xeral ao resto dos Grupos, motivo polo que o BNG convocou unha rolda de prensa esta mañá co obxecto de avaliar dito documento. O Portavoz dos nacionalistas Luís Seara comezou a súa intervención aludindo precisamente ao cambio de criterio de Jácome. “Agradecemos que en contra do que dixo no Pleno do vernes, este martes se nos remitise o proxecto de Orzamento, documento que por certo, o PP ten desde hai semanas”.
No BNG, o presentado “non sabemos se o podemos considerar un Orzamento en si mesmo xa que sorpréndenos moito que non conte con capítulo VI, e dicir, o de investimentos. Dicímolo tamén porque no que se nos remitiu falta unha parte substancial da documentación que obra no expediente como son o informe da Oficina de Xestión Económica e Orzamentaria, o informe de Intervención ou as actas da Mesa Xeral de negociación polo que difícilmente pode ser considerado un Orzamento”.
Luís Seara sinala que “levamos cinco anos co Orzamento prorrogado, un Orzamento anterior á Pandemia, por tanto disfuncional á realidade de hoxe, Orzamento cuxo desequilibrio, provocado polas reclamacións millonarias das concesionarias en precario é tal, que está comprometendo o funcionamento regular dos servizos públicos do Concello”.
O portavoz dos nacionalistas ten claro que “son unhas contas para a xestión do día a día municipal, unha mera actualización das contas de 2020 á realidade actual que vivimos pero que consolidan o modelo caótico de xestión levado a cabo desde hai seis anos por Democracia Ourensana pois na propia memoria da Alcaldía, recoñécese que a fórmula que se vai seguir empregando para a mobilización de recursos é a das modificacións de crédito”, e engade, “non aparece recollido ningún proxecto ou actuación que permita planificar a curto e medio prazo o desenvolvemento do Concello”.
Esta ausencia de investimentos e de proxectos estratéxicos é para o BNG “a constatación de que continuaremos vivindo a salto de mata e en base ás ocorrencias que vaian xurdindo, é dicir, as obras e os grandes investimentos que Ourense precisa para a súa segunda gran transformación non aparecen por ningures”.
O Portavoz do BNG lembrou que “levamos moitos meses reclamandolle ao Goberno Local a presentación dun proxecto de Orzamento e dicindo que estamos dispostos a sentarnos a falar. Xa temos o proxecto, non é do noso agrado, pero en coherencia volvemos tenderlle a man a Jácome para sentarnos a falar e para facer propostas coa idea de mellorar unhas contas que, ao noso entender, teñen moitas carencias”.
Seara enunciou algúns dos proxectos que a formación nacionalista entende, “deberían figurar para poder dar os primeiros pasos sobre eles”. Referiuse á reforma integral e posta en valor de toda a contorna das Burgas, abranguendo tamén a Cadea Vella e o solar outrora da empresa Xardín das Burgas. “Estamos a falar do centro neurálxico desde o punto de vista turístico de Ourense e precisamos a súa recuperación con urxencia”.
Outro dos proxectos ten que ver coa construción dun novo Estadio no Couto e a transformación do actual nunha cidade deportiva. “Compre dotar económicamente os posíbeis convenios precisos con outras administracións para a súa execución”. A zona histórica tampouco é allea as propostas do BNG para o cal Seara solicita “un Plan de rehabilitación e dinamización económico-social serio, ambicioso e lóxicamente dotado orzamentariamente”.
Finalmente, o Portavoz nacionalista fixo mención a outra das vellas reivindicacións sociais e políticas como é o soterramento da Avda Otero Pedrayo. “Este vial é de titulariedade municipal e polo tanto entendemos que o proxecto de soterramento debera figurar xa no propio Orzamento”. Desde o Grupo municipal do BNG tamén fixeron mención á necesidade de reservar partidas para “conveniar con outras administracións o desenvolvemento de máis proxectos”.
Ao tempo, anunciaron que “de non existir unha negociación e acordo previo, durante o periodo de emendas, faremos aquelas que consideremos oportunas capítulo por capítulo pois hai partidas que entendemos están faltas de dotación e outras nas que as cantidades orzamentadas resúltannos excesivas mais hoxe soamente queríamos ofrecer unha visión global sobre a proposta que se nos traslada e sobre aqueles investimentos que pola súa contía e trascendencia entendemos deben figurar xa no documento”.