O BNG de Barbadás denuncia carencias en materia de infraestruturas públicas e de servizos sociais no concello

OurenseXa
Cuestionan a “teimosía” do Goberno local coa construción dun cuartel da Garda Civil na Valenzá” mentres non se solucionan outras cuestións
Sarín Núñez, Portavoz do BNG no Concello de Barbadás
Sarín Núñez
5 May 2025

O BNG de Barbadás denuncia que o Goberno Local formado por PSdeG-PSOE e Democracia Ourensana “segue teimando na construción dun cuartel da Garda Civil na Valenzá”. Segundo explica o Portavoz do BNG no Concello Sarín Núñez, “tal e como xa ten manifestado en varios plenos o propio Alcalde, pretenden regalarlle o aproveitamento urbanístico ao que ten dereito o Concello de Barbadás ao Ministerio de Interior para que constrúa o citado cuartel”.

Desde a formación nacionalista cuestionaron desde o primeiro momento esta posibilidade ao entender que “non ten sentido pretender ter un cuartel cando estamos a escasos quilómetros da Comandancia de Santa Mariña e cando ademais en Barbadás temos Corpo de Policía Local”, e engade, “o que habería que facer é reforzar e dotar de máis medios humanos e materiais a nosa Policía para que poidan desenvolver o seu cometido nas mellores condicións”.

Ao tempo, Núñez non entende como “namentres en Barbadás hai moitas carencias en materia de infraestruturas públicas e de servizos sociais, e podemos citar o tantas veces demandado Instituto de Educación Secundaria (IES) que evite que as nosas mozas e mozos teñan que desprazarse a Ourense a diario para estudar, no Grupo de Goberno consideran prioritario que a Garda Civil teña un cuartel no noso concello”.

“O PSdeG-PSOE e Democracia Ourensana pretenden regalar o aproveitamento urbanístico da área de reparto que está por riba do Centro de Saúde da Valenzá e limítrofe coa Rúa do Viso á Garda Civil, no canto de aproveitar o mesmo para dotar de servizos públicos necesarios á veciñanza como pode ser unha nova escola infantil, unha nova escola de música ou mesmo empregalos para a construción de vivenda pública”.

No BNG conclúen sinalando unha vez máis que “esta proposta é una absoluta irresponsabilidade e unha nova mostra do nepotismo con que nos ten acostumados a actuar o actual Rexedor e o seu Grupo de Goberno.

⚙ Configurar cookies
0.17356109619141