O BNG de Barbadás pide reforzar o transporte público ao hospital de Piñor

O BNG de Barbadás Barbadás reivindica melloras no transporte público ao Hospital de Piñor, polo que solicitará no Pleno deste luns a constitución dunha mesa de traballo urxente que reúna ás distintas administracións implicadas co obxectivo de reorganizar e reforzar os servizos de transporte público até o Hospital de Piñor, garantindo así a accesibilidade da cidadanía aos servizos sanitarios alí prestados.
O Hospital de Piñor, lembran, é un dos centros sanitarios públicos
asociados ao funcionamento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense que presta servizo a través dunha estrutura dispersa en varios edificios. Esta dispersión inclúe tanto instalacións dentro do propio CHUO como outras máis afastadas entre as que se atopa o propio Hospital de Piñor.
Para o Portavoz do BNG en Barbadás Sarín Núñez, “esta situación supón, para moitas persoas doentes, profesionais sanitarios e acompañantes, un reto engadido en termos de mobilidade e accesibilidade. A dispersión dos recursos asistenciais vese agravada pola inexistencia dunha rede de transporte público eficiente”.
Núñez sinala que “o CHUO é hospital de referencia non só para a comarca de Ourense, senón tamén para o conxunto das comarcas ourensáns” e engade, “isto implica desprazamentos frecuentes desde toda a provincia cara á cidade de Ourense, cunha rede de transporte interurbano insuficiente e, en moitos casos, incompatible cos horarios sanitarios”.
Neste contexto, desde a formación nacionalista entenden que o feito de que o Hospital de Piñor estea situado no termo municipal de Barbadás e non exista un sistema de transporte metropolitano real e operativo na área de Ourense, “incrementa a complexidade dos desprazamentos tanto desde a cidade como desde outras comarcas ourensáns”.
Segundo os nacionalistas, “a situación agravouse recentemente coa reorganización de servizos derivada dos problemas estruturais detectados no Hospital Materno Infantil de Ourense e esta reorganización implica que máis persoas deban desprazarse até o Hospital de Piñor, sen que se teñan reforzado previamente as conexións de transporte cara a este centro”.
“A accesibilidade á sanidade pública é un dereito fundamental que non pode verse condicionado pola existencia ou non de medios de transporte axeitados. Resulta imprescindible, polo tanto, adoptar medidas urxentes para reorganizar e reforzar os servizos de transporte público por estrada, nomeadamente mediante a posta en marcha efectiva dun Plan de Transporte Metropolitano real e operativo para a área de Ourense”.