O BNG de Barbadás reclama medidas para facilitar o acceso á vivenda

OurenseXa
Entre outras cuestións, plantexan modificar a Ordenanza do IBI e implantar un regulamento que regule o procedemento para declarar unha vivenda desocupada
Sarín Núñez, Portavoz do BNG no Concello de Barbadás
1 Dec 2025

O grupo municipal do BNG presentará no Pleno deste luns unha moción centrada en impulsar novas ferramentas fiscais e normativas para mellorar o acceso á vivenda, especialmente entre os colectivos máis vulnerables do municipio.

A iniciativa propón modificar a Ordenanza do IBI e implantar un regulamento que regule o procedemento para declarar unha vivenda desocupada. Segundo explica o portavoz nacionalista, Sarín Núñez, “a problemática da vivenda baleira constitúe un dos factores que contribúen á tensión do mercado residencial, reducindo a oferta dispoñible e dificultando o acceso a unha vivenda en condicións dignas e asumibles”. Engade ademais que o incremento constante dos prezos e a desconexión coa capacidade económica da maioría das familias están a agravar a situación.

O BNG sostén que os concellos dispoñen de instrumentos para incentivar o uso efectivo das vivendas e penalizar a desocupación prolongada —en especial cando afecta a grandes tenedores—, polo que defende a necesidade de adaptar a normativa fiscal municipal.

A proposta inclúe a elaboración dun regulamento que permita declarar unha vivenda como desocupada de maneira permanente, cun procedemento garantista que ofreza ao propietario a posibilidade de xustificar as causas da falta de ocupación. Tamén se plantea a publicación anual dun censo coas vivendas afectadas por recargas, co obxectivo de achegar transparencia sobre o número de inmobles declarados baleiros e o impacto destas medidas.

En canto ás modificacións fiscais, o BNG proporá aplicar recargas sobre o IBI: un 50% para vivendas baleiras durante máis de dous anos, un 100% para aquelas que superen os tres, e un 50% adicional —acumulable— nos casos en que o propietario dispoña de dúas ou máis vivendas desocupadas no municipio.

⚙ Configurar cookies
0.074391841888428