O BNG de Barbadás reclama melloras no Servizo de Axuda no Fogar

O BNG de Barbadás pedirá no pleno deste luns, 1 de setembro, o apoio da corporación para defender o Servizo Público de atención á dependencia en Galicia e melloras no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que actualmente prestan os concellos.
O voceiro nacionalista Sarín Núñez, denuncia que a atención á dependencia en Galicia está a sufrir un “preocupante proceso de desmantelamento” e que na actualidade “máis de 2.000 persoas agardan pola valoración da dependencia, duplicando o tempo que marca a propia Lei de Dependencia”.
Sinalan que a política actual do PP galego “está centrada nun modelo asistencial e privatizador que empobrece o servizo público e devolve os coidados ao ámbito doméstico, recaendo maioritariamente sobre as mulleres”, e lembran que a media d espera en Galicia sitúase nos 361 días, sendo a cuarta comunidade co maior atraso para acceder ás prestacións.
Ademais, din, Galicia é a comunidade que menos inviste por persoa dependente, cunha inversión de 1.317 euros ao ano fronte aos preto de 2.000 da media estatal. Este infrainvestimento, sinalan, “tradúcese en recortes de servizos esenciais, substituídos por axudas precarias que non garanten o dereito das persoas maiores e dependente”.
Núñez afonda máis aínda e advirte que “no primeiro semestre de 2025, o SAF perdeu en Galicia 1.026 persoas usuarias, e os Centros de día, case 3.000, ao tempo que as axudas asistenciais incrementáronse en máis de 6.000, cunhas cantidades que non superan os 400 euros mensuais, menos da metade do SMI”.
Denuncia que “por primeira vez, hai máis persoas dependentes en Galiza pagando unha residencia privada que ocupando unha praza pública ou concertada”. En total, di, “máis de 7.400 persoas reciben unha axuda de entre 361 e 420 euros ao mes, mentres o custo medio dunha residencia supera os 2.000 euros e é que o modelo do PP persegue dous obxectivos, devolver os coidados ao fogar e que os asuman, de novo, as mulleres”.
No caso concreto do Concello de Barbadás, desde o BNG inciden no feito de que “durante o ano 2024, o total de usuarios e usuarios do SAF, ascendeu a 58. 40 pola modalidade Dependencia e 18 pola modalidade Libre Concorrencia-Básica. Mais entre o mes de abril de 2019 e o mes de outubro de 2024, houbo un incremento de 510 horas de atención entre Dependencia e Libre concorrencia”.
Ao anterior, di o Portavoz Sarín Núñez, hai que engadir que “no ano 2024 prestáronse 14.931 horas de SAF anuais ós veciños e veciñas do concello, cun custe total de 395.886 euros, do que o 58,70% está a ser asumido polo Concello polo que é mais que evidente que os 12€/hora que recibimos por parte das administracións autonómica e estatal non chegan a cubrir os custos do servizo”.
O incremento da aportación da Xunta até os 20 euros a hora, a redución dos tempos de valoración así como o incremento do investimento por persoa dependente son algunhas das reivindicacións da formación nacionalista presentes na moción.
“É imprescindible”, di o voceiro, “que o Pleno do Concello se posicione en defensa do sistema público de atención á dependencia e esixa á Xunta de Galiza un cambio radical nas súas políticas”.